ANTONIO  SERRAT PECHA A TEMPADA CUNHA MAGNÍFICA QUINTA POSICIÓN NA COPA DO MUNDO DE VALENCIA

08/11/2020

O deportista  Máis que  Auga, Antonio  Serrat, pechou esta atípica tempada cunha quinta posición na Copa do Mundo de Valencia, que reuniu aos mellores triatletas do mundo. Ademais, Serrat foi o primeiro español en cruzar a liña de meta.

 

Foi unha carreira moi rápida, na que o vigués tivo boas sensacións en liñas xerais, menos no sector de natación, onde non rendeu ao nivel desexado. Ao non poder saír no primeiro grupo -formado por Vincent Luís,  Alistair  Brownlee, Pierre Le Corre e o surafricano  Schoeman- na bicicleta a Antonio tocoulle traballar duro para tentar recortar distancias cos escapados, de onde caeu  Schoeman.

 

Na carreira a pé, Serrat quedou nun grupo de 5 triatletas, que estaban a loitar pola quinta posición, e o galego foi o máis rápido ao final para concretar ese magnífico posto. Gañou a proba o campión do mundo Vincent Luís, que fixo pleno esta tempada.

 

Antonio asegurou, ao finalizar a proba, estar moi contento tanto polo resultado como polas sensacións e por poder finalizar a campaña: “Esta foi a última proba da tempada, unha tempada complicada por toda a situación que estamos a vivir, pero estou moi contento de poder competir de forma segura e poder seguir adestrando”. Agora toca gozar dunhas semanas de descanso, para volver adestrar con forzas renovadas.