ANTONIO SERRAT PARTICIPOU NA CLASIFICACIÓN DO EQUIPO ESPAÑOL DE SUBSTITUCIÓNS MIXTAS PARA OS XOGOS OLÍMPICOS DE PARÍS

24/08/2023

Foi unha fin de semana agridoce para o noso deportista Antonio Serrat en París. O triatleta vigués participaba na proba test dos Xogos Olímpicos, que se realiza  antes para probar o circuíto e ver a súa idoneidade. E Serrat saíu de París coa clasificación para os Xogos do equipo español de substitucións mixtas. Fantástica noticia! Iso si, na proba individual tivo problemas físicos e unha sanción, polo que non puido lograr unha boa posición.

 

A competición comezou coa proba individual na que as sensacións foron boas para Antonio Serrat, pero unha serie de condicionantes impediron un bo resultado. O vigués ía no primeiro grupo, bastante numeroso, ata a segunda transición, e con opcións a todo. Pero aquí xurdiron os problemas. Cando se estaba calzando as zapatillas para saír a correr sufriu unha cambra moi forte no cuádriceps que lle tivo tirado no chan un bo intre. “Perdín moitísimo tempo e cando empecei a carreira a pé ía trotando, ata que empezou a circular o sangue pola perna e puiden comezar a competir. Correndo as sensacións seguían sendo boas, e durante as dúas primeiras voltas, correndo en solitario, comecei a recuperar tempo”. E chegou a segunda incidencia do día. “Tiven un penalti box por deixar as lentes e o gorro fóra da cesta, polo que tiven que parar”. E así se evaporaron todas as opcións de acadar un bo resultado, a pesar das sensacións físicas. Finalizou na 27ª posición, lonxe das tres primeiras que daban o pase á cita olímpica.

 

A alegría chegou na proba de substitucións (que se converteu en dúatlon), na que Antonio participou xunto a Roberto Sánchez, Anna Godoy e Marta Pintanel. En París había que confirmar o traballo realizado ao longo da tempada, xa que se sumaban os resultados de varias probas. Os nove primeiros clasificados lograban a súa praza e España finalmente obtivo a oitava posición, logrando así a calificación para os Xogos Olímpicos. Iso si, a praza é para España, non para os deportistas, polo que aínda haberá que esperar.

 

Tamén quixemos preguntarlle a Serrat polo circuíto e isto contounos: “Os circuítos son todos moi rápidos. A natación ten a peculiaridade de que ao nadar no río Senna, a ida, coa corrente a favor, é moi rápida, pero na volta tes a corrente en contra e é moi dura. Ademais, se te desvías das zonas máis favorables da corrente, non es capaz de avanzar, polo que é moi importante a colocación. O percorrido de ciclismo é unha pasada, facemos parte da bicicleta polos Parques Elíseos, cunha parte empedrada, e aínda que é un circuíto chairo, tamén é moi rápido e coa  dureza da lastra e curvas moi rápidas. Por último, a carreira a pé, a maior parte é polos Parques Elíseos, con lastra, e é moi rápido e impresionante”.  Por todo iso, “foi un pracer poder correr polos Parques Elíseos, a Torre Eiffel… Mesmo desde dentro foi unha carreira moi bonita que puidemos gozar”.