ANTONIO SERRAT, NOVENO E PRIMEIRO ESPAÑOL NA SERIE MUNDIAL DE SUNDERLAND

30/07/2023

O deportista Máis que Auga Antonio Serrat logrou esta fin de semana na Serie Mundial de Tríatlon de Sunderland o mellor resultado da tempada, xusto na antesala da Gran Final do Mundial que se celebrará en Pontevedra do 20 ao 24 de setembro. Serrat entrou no top 10 ao lograr a novena posición e ser o mellor español clasificado.

 

Non está a ser unha boa tempada para Antonio Serrat, que non tiña boas sensacións nas carreiras. Pero nas dúas últimas competicións parece que as cousas van mellor e esta fin de semana en Sunderland (Reino Unido) demostrouno. E iso a pesar das condicións: “Foi unha carreira moi rápida nun circuíto duro. Na natación, a temperatura da auga estaba a 13 graos; o circuíto de bici era moi esixente, cun par de repechos e o vento en contra nunha recta longa, e na carreira a pé a subida que faciamos era a do circuíto de bicicleta”, contounos o triatleta vigués, quen recoñeceu cometer un par de erros nas transicións que lle fixeron perder uns segundos moi importantes. “Sobre todo na T-2, que me obrigou a esprintar ao saír da transición para poder volver entrar no grupo no que estaba e iso pagueino ao final”, manifestou Serrat.

2023 World Triathlon Championship Series Sunderland

Así, Serrat chegou na novena posición, sendo o mellor español dos presentes (Sergio Baxter, Alberto González e Mario Mola) e logrando o mellor posto desde o inicio da presente tempada. Ademais, hoxe celebrouse a proba de substitucións mixtas, na que participou tamén Antonio como parte do equipo español e España logrou a quinta posición, a mellor de toda a tempada. Serrat conseguiu o mellor tempo do equipo español.

 

A próxima proba do Mundial será a Gran Final, que este ano se celebrará por primeira vez en Pontevedra, polo que será un maior aliciente para o deportista galego. Pero antes, en tres semanas, disputará a proba test de París que, aínda que non pertence ao Mundial, é importante xa que se celebrará no mesmo circuíto que acollerá a proba de tríatlon durante os Xogos Olímpicos e ademais outorgará puntos para a clasificación olímpica.