ANTONIO  SERRAT, NA SÚA MELLOR TEMPADA, LOGROU A OITAVA POSICIÓN NO MUNDIAL DE TRÍATLON

22/08/2021

Magnífica tempada a do noso deportista Antonio Serrat que finalizou na oitava posición no Campionato do Mundo de Tríatlon 2021, despois dun ano moi regular no que sempre estivo a loitar cos mellores. Esta fin de semana celebrouse a Gran Final en Edmonton e unha vez máis, Antonio deu a cara e loitou ata os últimos dous quilómetros polo podio. Ao final, foi oitavo clasificado e pechou así tamén esa mesma posición no Mundial.

 

O triatleta vigués chegaba a esta importante cita na novena posición e con posibilidades de escalar algún posto, aínda que o seu obxectivo fundamental era finalizar o ano no top 10. Na Gran Final de Edmonton recuperouse o formato habitual, con distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 de carreira a pé). En liza, os mellores con Blummenfelt (campión olímpico en  Tokyo) e Alex Yee como principais candidatos a lograr o título mundial.

 

Foi unha proba moi disputada desde o inicio. O sector de natación foi decisivo ao romper o grupo e permitir a escapada dun trío tremendamente perigoso: Van  Riel,  Vicent Luis e o húngaro Mark  Devay. No segundo grupo, dunhas 20 unidades,  Blummenfelt e o noso Antonio. E nun terceiro grupo,  Yee, ao que lle tocaba remontar.

 

Con esta situación, o noruegués sabía que era fundamental atacar para evitar que Van Riel puidese dar a sorpresa e proclamarse campión do mundo e ademais á vez librábase do seu máximo competidor, o británico Yee que se descolgou. Os corenta quilómetros de bicicleta foron unha dura contrarreloxo para alcanzar a ese trío de cabeza e Blummenfelt tivo como fiel compañeiro de traballo a Serrat, que, como sempre, foi moi valente e non escatimou esforzos. Cando entraron na segunda transición os escapados estaban a escasos segundos e nos primeiros metros foron absorbidos por un grupo que quedou en menos de dez unidades (con  Serrat). A carreira a pé discorreu en grupo, con Antonio sempre entre os primeiros e con Yee recortando distancias por detrás aos poucos. Así, ata a última volta na que Blummenfelt asumiu a responsabilidade e marcou un ritmo moi alto que só puideron seguir Van Riel e  Bergere, que loitaron ata o final polo triunfo. Pero o “Toro” Blummenfelt pechou a tempada da súa vida ao grande, cun triunfo na final e o título de campión do mundo.

 

Antonio Serrat, que acusou o esforzo nestes dous últimos quilómetros, pechou a tempada cunha magnífica oitava posición na Gran Final que lle permitiu acabar o Mundial nesta mesma posición despois dun ano tremendamente regular (15º en  Yokohama; 8º en Leeds, 5º en Montreal e 8º en  Edmonton), ademais de 4º na Copa do Mundo de  Arzachena e 2º no Europeo sprint). Pechou a tempada, sempre que non participe no Europeo de distancia olímpica que se celebrará en Valencia en setembro, xa que nestes momentos está pendente da convocatoria da Federación Española para esta cita e, ao ser o triatleta español máis en forma, ten serias opcións.