Antonio Serrat, na segunda proba das Series Mundiais de Tríatlon

26/04/2019

O noso deportista Antonio Serrat disputará esta fin de semana a segunda proba das Series Mundiais de Tríatlon, que se celebrará na cidade de Hamilton en Bermuda,  coa participación dos mellores triatletas do mundo.

Será unha cita do máis alto nivel, xa que alí se atopará Mario Mola (campión do Mundo nos tres últimos anos), Fernando Alarza, o francés Vincent Luis, o sudafricano Henri Shoeman ou o  australiano Jacob Birtwhistle. Ademais, a proba terá o aliciente da volta ás probas das Series Mundiais de Javier Gómez Noya, cinco veces campión do mundo. “É unha proba de altísimo nivel: Os rivais son moi fortes, polo que haberá que estar a un gran nivel. Eu espero ter boas sensacións, competir e rematar con bo sabor de boca”, manifestou Serrat. Despois das primeiras tres probas da presente tempada, nas que o vigués non se atopou excesivamente fresco, agora ten moito mellores sensacións adestrando, polo que espera que iso se poida ver no desenvolvemento da proba.

A Serie Mundial de Bermuda celebrarase sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 de carreira a pe). Serrat explicou que o circuito é duro: “O segmento de natación será en augas abertas con moitas ondas, a bicicleta ten un repecho moi duro por volta e o sector da carreira a pe tamén conta cun tramo que tira cara arriba. Así que terei que estar  moi atento e  intentar cometer os menos erros posibles para acadar un bo resultado”. A proba celebrarase mañá sábado ás 13:00 horas en Bermuda (18:00 horas en España).

Moita sorte Antonio!