ANTONIO  SERRAT INICIA A LOITA POR UNHA PRAZA OLÍMPICA EN  YOKOHAMA

14/05/2021

O triatleta  Máis que  Auga, Antonio  Serrat, inicia mañá sábado en  Yokohama a súa loita nas Series Mundiais de Tríatlon e, á vez, por unha praza olímpica. Será un obxectivo moi ambicioso, xa que España ten tres prazas no Xogos (das cales dúas están, en principio, asignadas)  e un grupo moi importante de triatletas que poderían competir a un gran nivel en  Tokyo. Así que, coñecendo a dificultade do envite,  Serrat está disposto a loitar e para iso preparouse.

 

A primeira proba de lume será a World Serie de  Yokohama, onde estarán algunhas das primeiras espadas do tríatlon mundial, comezando polo actual campión do Mundo,  Vicent Luis, pero sen esquecerse de triatletas da valía de Fernando  Alarza,  Blummenfelt, Van  Riel,  Alex  Yee ou Jonathan  Brownlee, entre outros.

 

O noso deportista asegurou que “atopar atópome ben. A verdade é que as sensacións nos últimos meses foron boas e puiden adestrar con continuidade que iso me dá confianza, pero o resto de triatletas tamén farían unha gran preparación,  polo que será o sábado onde haberá que dar o máximo”. A proba disputarase o sábado 15 de  maio e será unha competición de distancias olímpicas (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pé) con saída conxunta, pero co máximo control e medidas de prevención  anti-COVID-19: “As competicións farase a modo burbulla e só poderemos saír da habitación para ir adestrar”.

 

Chano, ao Europeo

 

E se Antonio se atopa en  Yokohama, un pouquiño máis preto teremos a Chano Rodríguez, que participará no Campionato de Europa que se celebra en  Madeira. Obxectivo, conseguir a mínima para os Xogos Paralímpicos. O noso nadador competirá hoxe venres na proba dos 200 metros, na que tratará de facer a mínima olímpica, da que estivo tan preto xa nun par de ocasións. Ademais, o sábado participará na proba de 100 metros e o domingo, na de 50.

Chano, uns días antes de partir cara a  Madeira, pasou un magnífico momento cos alumnos do colexio Monterrey, onde foi entrevistado polos pequenos para a canle de  youtube.  Momentazo para protagonista e alumnado!