ANTONIO SERRAT ESTREA A TEMPADA CUNHA PRATA NA COPA DO MUNDO DE HONG KONG

26/03/2024

O noso deportista Máis que Auga Antonio Serrat arrincou a presente tempada cunha prata na Copa do Mundo de Hong Hong, que se celebrou a pasada fin de semana. Un inicio prometedor, sobre todo tendo en conta que non era unha proba prevista e que ademais era a primeira.

 

E é que o inicio da tempada olímpica para Serrat foi un pouco accidentado. O vigués, que logrou a praza para os Xogos de París, sabe que ten que confirmala cun bo resultado nunha proba do Mundial (quedar entre os 12 primeiros) ou ben con dous top-5 en Copa do Mundo.

 

Por iso, tiña previsto participar na primeira proba do Mundial de Tríatlon de Abu Dhabi, pero a carreira suspendeuse cando xa se atopaba alí polas previsións meteorolóxicas adversas. Así que de volta a casa sen competir e, claro, coa necesidade de buscar novas datas. O que fixo Antonio foi apuntarse ás listas de espera das seguintes probas da Copa do Mundo, e en Hong Hong confirmáronlle a praza a falta de só uns días. Case sen tempo de pensar, viaxe e a competir!

 

A competición, de distancia sprint, foi positiva para o noso triatleta. Antonio estivo ben colocado desde o principio. Saíu no primeiro grupo da natación e na bicicleta colaborou de forma activa para manter a distancia co segundo grupo. Así, todo decidiuse nos 5 quilómetros de carreira a pé. Serrat e Nener, que partían como favoritos, e Alberto González afrontaron o último sector na cabeza e o trío avanzou unido ata os últimos 500 metros. Para entón, Serrat xa sabía que as sensacións non estaban a ser especialmente boas, pero logrou seguir o ritmo ata a arrancada final de Alberto González, ao que non puido responder. Iso si, mantivo baixo control a Nener e logrou unha prata con moi bo sabor.

 

Agora, toca recuperar e preparar a seguinte proba que, se non hai sorpresas, será o próximo 11 de maio na Serie Mundial de Yokohama. Obxectivo, conseguir certificar a súa praza, para así xa poder centrarse na preparación para os Xogos de París.