ANTONIO SERRAT, BRONCE NO CAMPIONATO DE EUROPA DE TRIATLON DE VALENCIA

28/09/2021

O deportista Máis que Auga Antonio Serrat pechou a tempada cunha medalla de bronce no Campionato de Europa de Tríatlon distancia olímpica, que se disputou a pasada fin semana en Valencia.

 

Foi unha proba magnífica, endurecida pola chuvia durante a carreira a pe, e na que Serrat volveu amosar a súa valentía poñéndose ao fronte do primeiro grupo durante fases da carreira a pé e loitando ata o remate polas medallas.

 

O vigués estivo entre os mellores dende o inicio, saíndo da auga no primeiro grupo. Na bicicleta, a pesar de que os escapados ían traballando ben organizados, os que viñan por detrás lograron alcanzalos á metade do segmento. Así, chegaron á segunda transición un grupo de 40 deportistas e estaba claro que todo se ía decidir na carreira a pé.

 

Tamén na carreira a pé as sensacións de Serrat eran boas e no quilómetro 4 quedaron sós en cabeza Dorian Coninx, Roberto Sánchez Mantecón e Antonio Serrat. No quilómetro 8 o francés Coninx atacou e Serrat foi detrás. Aínda que o triatleta vigués non puido seguir o ritmo marcado por Coninx, si que logrou distanciarse de Sánchez Mantecón, que corría na casa e que preparara en profundidade esta proba. Nos últimos dous quilómetros, o galego sufriu un pequeno baixón, que foi aproveitado por Sánchez Mantecón para superalo, pero Serrat tivo as suficientes forzas para certificar a súa medalla de bronce no Europeo da distancia olímpica, despois dunha tempada longuísima e chea de bos resultados. O propio Antonio explicounos que estaba “moi contento por encontrarme competitivo e estar sempre en carreira”. Así ao final, Coninx logrou proclamarse campión de Europa, Sánchez Mantecón foi prata e Antonio Serrat, bronce.

 

Aínda que a tempada xa está dando os últimos coletazos, Serrat quere disputar o 23 de outubro en Madrid o Pro Tour e incluso non descarta algunha proba máis.