Antonio Serrat, ante unha nova etapa da súa carreira deportiva

08/03/2020

O noso deportista Antonio Serrat emprende unha tempada moi especial, con cambio de adestrador, de grupo de adestramento, de país, novo idioma… Un cambio radical que comezou hai uns meses e do que, polo momento, está encantado. Xa comezou a tempada coa Copa de África en Masselsport e agora xa pensa na próxima, a Copa do Mundo de Sarasota (22 de marzo). Falamos con Antonio e el cóntanos como lle vai a vida.

 

– Novo adestrador, grupo, vida…. Como está a ser este inicio de tempada?

Está a ser diferente, porque me unín ao grupo de adestramento de Ian O’ Brien, e iso conleva estar máis tempo fóra de casa. Os meses de xaneiro e febreiro estivemos en Sudáfrica para realizar a primeira concentración do ano. Evidentemente é un cambio moi grande, pero estou moi ilusionado e motivado.

 

– Como te estás aclimatando a esta nova etapa?

Son moitos cambios de golpe: método de adestramento, idioma, estar lonxe de casa… Dentro de que é algo novo e sempre custa un pouco adaptarse aos cambios, leveino ben grazas ao adestrador e o grupo de adestramento que sempre me axudaron no que necesitase.

– O peor é estar tan lonxe dos teus e o cambio total de vida?

Si, é unha das cousas que máis costa, pero creo que este novo proxecto podo ser bo a nivel deportivo, polo que apostei por iso e por agora estou contento coa aposta que fixen.

 

– Que nos podes contar do teu novo adestrador, Ian O’Brien?

É un adestrador que se desvive polos seus deportistas. Sempre está pendente de que esteamos ben, das sensacións que temos antes e despois dos adestramentos, de telo todo organizado…

 

– Como foi a pretempada?

Os dous primeiros meses da pretempada realiceinos en casa, empezando aos poucos e acumulando cada semana máis volume de adestramentos. En xaneiro e febreiro, seguiu un pouco coa mesma filosofía, acumulando e facer unha boa base para o resto do ano, aínda que as sesións de calidade tanto nadando, en bicicleta e correndo van tendo máis importante a medida que se achegan as primeiras competicións.

 

-Xa celebraches a primeira proba, que valoración fas da mesma?

Corrín o 8 de febreiro unha Copa de África en Masselsport. Non foi o inicio de tempada soñado, non polo resultado, xa que a proba tiña un bo nivel e sabía que ía ser unha proba complicada senón polas sensacións en carreira, xa que en ningún momento me atopei cómodo. Xuntáronse moitas cousas: a acumulación de adestramentos, a proba realizábase en altura, un erro no sector de natación que me fixo ir ao contraxeito o resto da proba…

A primeira competición do ano sempre é complicada e non saíu como desexabamos pero realizamos esa proba buscando dar ao corpo o estímulo de competición. E a verdade que despois da competición fun atopando mellor nos adestramentos.

 

-Que obxectivos tes para a presente tempada?

O principal obxectivo é seguir crecendo como deportista e tentar mellorar en todos os apartados do  tríatlon.

 

-É ano olímpico. Soñas con Tokio?

Os  JJOO son o soño de calquera deportista, pero é moi complicado alcanzalo, polo que o meu principal obxectivo é seguir mellorando e buscar a miña mellor versión e gozar nas competicións, que son as que che poñen o teu lugar.