ANA RODRÍGUEZ: “DURANTE O TRATAMENTO CONTRA O CANCRO, O DEPORTE AXUDOUME MOITÍSIMO”

07/02/2021

Esta semana, o día 4 de febreiro, celebrouse o Día Mundial contra o Cancro, unha conmemoración que quere lembrar que esta enfermidade, nalgunha das súas numerosas manifestacións, afectará a unha de cada tres persoas ao logo da vida. E en Máis que Auga queremos acordarnos destes loitadores e loitadoras, e decidimos representalos na figura dunha destas valentes guerreiras, unha muller que ademais é membro da familia  Máis que Auga e á que vemos habitualmente polo noso centro de  Coia.

 

Ela é Ana Rodríguez Iglesias, socia de MQA desde hai moitos anos, e membro activo do noso grupo de running, xa que lle encanta correr. A súa loita contra o cancro comezou en setembro de 2016, cando ela mesma detectouse un pequeno vulto no seu peito: Cancro de mama. A partir dese momento iniciouse un carrusel de visitas a médicos, operacións, tratamentos… aínda que ela nunca quixo separarse do deporte. “Para min foi moi importante o deporte. Primeiro porque o estar forte permitiume afrontar en mellores condicións os tratamentos. E despois porque eu agarreime aos adestramentos, á xente, ao noso grupo… Axúdache tanto fisicamente, xa que está demostrado que a xente que fai deporte recupérase antes, como no aspecto anímico: Eu sentíame mellor cumprindo eses pequenos retos que me marcaba. A min o deporte axudoume 100%”.

 

Ana transmite optimismo e alegría ao falar. Mesmo ao lembrar os momentos complicados. “Operáronme en outubro e a comezos de novembro fixen camiñando a Carreira contra o Cancro de Vigo, e pouco despois unha parte do medio maratón de Vigo”. Pero continuou a loita, explicounos Ana: “Tiveron que volver operarme porque detectaron metástase nos  ganglios e en decembro comecei un tratamento de quimioterapia e radio”. Cos tratamentos, non sempre era fácil ir adestrar, pero as ganas de Ana eran maiores e tan pronto se atopaba en condicións, alí estaba! Así, a súa recuperación ía máis rápido, a súa confianza crecía e a comezos de abril de 2017, co visto e prace da súa oncóloga, correu a  Vig- Bay co noso técnico Javi Vázquez, e cumpriu un dos seus soños!

 

A nosa abonada lembra eses momentos con moito agarimo, xa que sentiu o apoio de todos os seus. Non esquece esa camiseta azul, cunha  M en forma de corazón e que pon  Mamy  Power, que deseñou un dos integrantes do grupo de running pensando nela cando enfermou. Comezárona a usala nese momento e agora utilízana cada vez que un amigo sofre esta enfermidade tan presente na nosa sociedade.

Así, entre adestramentos e carreiras (unha benéfica en Bembrive, subida ao Castro…), con risas e o apoio de familia e amigos, chegou o momento máis desexado cando en xullo de 2017 finalizou o tratamento e déronlle o alta! E esa mensaxe de esperanza é a que quere transmitir: “quero mandar moito ánimo a todas as persoas que agora estean a loitar contra esta enfermidade. Cada un agárrase a algo para saír adiante. Eu agarreime ao deporte e a min persoalmente axudoume moito para superar estes momentos complicados”.