Ampliación e melloras para o centro de Coia

17/06/2019

Máis que Auga está de parabéns! Nos próximo días iniciaremos a obra de ampliación e modernización do noso centro de Coia, que lucirá todas as novidades no mes de setembro, converténdose nunha das mellores instalacións de Galicia.

Hai só uns días o Concello autorizou estas obras e imos poñernos de inmediato coas mesmas para aproveitar o verán, datas nas que hai unha menor incidencia sobre os nosos abonados.

En que consistirán as obras? Faremos unha placa sobre o spa, o cal nos permitirá ampliar a sala fitness en 250 metros cadrados e cubrir así as necesidades das e dos nosos usuarios. E unha vez que estamos en obras, imos aproveitar para mellorar neste mes de xuño o sistema de climatización existente; trasladaremos a sala de ciclo indoor á nova zona, onde disporá dun novo sistema de audio, iluminación e vídeo e crearemos unha sala para seguir sorprendéndovos con novas actividades. Tamén contaremos con novas máquinas cardiovasculares de última xeración e estrearemos o sistema de adestramento monitorizado e intelixente E-Gym Visión, que aínda non se utilizou nin en Vigo nin en Galicia. En total será un investimento de 600.000 euros para conseguir unha das mellores e máis completas instalacións de Galicia.

Evidentemente para acadar todo isto, teremos que pasar un período de obras, que se desenvolverán en pouco máis de dous meses, tentando molestar o menos posible @s nos@s usuari@s. As obras comezarán o próximo día 26 de xuño e do 27 de xuño ao 17 de agosto o spa permanecerá pechado para poder traballar. Desta forma, durante este período as e os nosos usuarios poderán utilizar o spa de Navia e Barreiro.

O resto das instalacións de Coia continuarán activas e coas diferentes clases en marcha, para que poidades seguir gozando do deporte con nós durante o verán. Por anticipado, pedímosvos desculpas polas posibles incidencias e solicitamos que teñades un pouco de comprensión nestes días de maior incomodidade, xa que son para acadar un centro mellor, máis cómodo, moderno e coas últimas novidades do sector, das que poderedes gozar en un prazo moi curto de tempo! Seguimos mellorando por e para tod@s v@s!

Nas vindeiras semanas continuaremos informando sobre as novidades que os esperan en Máis que Auga Coia!