Alejandro Portilla, de Máis que Auga Navia á Euro 2020

06/12/2019

Alejandro Portilla, socio de Máis que  Auga Navia, onde practica taekwondo, vive desde hai semanas nunha nube. Está a piques de cumprir un dos seus soños, ao ser elixido freestyler oficial para a sede de España da Euro2020! Así acompañará á selección española en todos os seus partidos, pero tamén ten posibilidades de viaxar a outras sedes europeas, festivais…

 

Como comezou todo?  “En xullo a UEFA fixo un concurso  online, Tu turno, que consistía en mandar un vídeo de 15 segundos facendo os teus mellores trucos. De todos os presentados, a UEFA elixiu aos tres mellores por categoría (masculina e feminina). E eu estaba entre os finalistas! A segunda fase foi por elección popular na internet e gañei eu!”, así o conta este mozo vigués de 24 anos, que aínda se emociona ao lembralo. Desta forma, os  freestylers oficiais de España son Alejandro Portilla e Paloma Mayo, que acompañarán á selección nesta Eurocopa. Aínda quedan uns meses, pero o noso protagonista está ansioso por emprender esta aventura, que lle permitirá facer algunhas das cousas que máis lle gusta no mundo: Viaxar, practicar  freestyle e ver fútbol.

 

Que é o  freestyle? O noso socio explícanolo: “Facer malabarismos co balón, coa cabeza, os pés, de pé, sentado… de calquera forma. O que se fai é mesturar os trucos con balón coa música e queda moi vistoso. Portilla comezou practicar freestyle hai dez anos porque tiña un obxectivo na súa cabeza: Bater o récord mundial de toques de balón. Pero ao entrar neste mundo, viu que había moitas máis cousas, e enganchouse de forma definitiva. Agora asegura que para el o freestyle é “unha forma de vida. Axúdache a ser constante con todo, cos estudos, a dividir o tempo… É todo”. E precisamente a el vaille moi ben nos estudos, pois acaba de finalizar a carreira de Administración e Dirección de Empresas.

 

E ademais de freestyle, este vigués practica taekwondo, un deporte coñecido para el porque “fixen taekwondo ata os 12 anos pero deixeino porque quixen probar co fútbol. Agora, co  freestyle, deime conta de que o taekwondo era o que máis me achegaba, había sinerxias entre os dous deportes. Dáme flexibilidade, mobilidade, fondo físico, vénme ben para facer trucos…. Así que en marzo apunteime en taekwondo adultos”. Empezou pensando na súa preparación, pero agora “tamén quedo porque fixen un gran grupo de amigos”.

 

Asegura que en Máis que Auga teno todo: “As instalacións son moi boas, teño spa, para relaxar os músculos; déixanme a sala de arriba para adestrar, teño aquí a moitos amigos… entón aquí téñoo todo!”.