Alba: nove anos pasados por auga

15/02/2019

Cando a pequena Alba saíu pola porta principal do centro Máis que Auga Navia un domingo pola tarde, o seu sorriso non podía ser máis grande. As emocións vividas dende as 11.00 horas da mañá aínda estaban a flor de pel e os seus amigos e amigas non deixaban de comentalas ao seu carón. Cumpriu nove anos, que puido celebrar dun xeito orixinal e moi divertido acompañada dos seus 17 convidados e convidadas.

A xornada comezou con dúas horas de xogos nas piscinas de Máis que Auga Navia, dirixidas polos nosos técnicos. “Pasárono moi ben. Fixeron carreiras por relevos, xogos con pelotas e mesmo practicaron algo de waterpolo”, sinala José Carlos Rodríguez, o pai de Alba. Para eles, foi unha nova experiencia. “Aos nenos destas idades os parques de bolas xa lles quedan pequenos e a piscina é unha opción moi boa a porta pechada. Aseguras o tempo en certas épocas do ano coma estas”, explica.

Como era de esperar, xogar na piscina foi o que máis lle gustou a Alba do seu aniversario, e tamén aos seus amigos e amigas. “É unha actividade que une moito aos nenos. Nos aniversarios sempre pode haber algún neno que non coñeza ben aos outros e pode acabar un pouco desprazado. En cambio, os xogos na piscina son moi integradores e, ademais, as dúas técnicas que os acompañaron portáronse moi ben con todos os nenos”, comenta José Carlos.

Pero a festa non rematou aí. Despois de ducharse nos vestiarios, os pequenos e pequenas subiron ás instalacións de Máis que Peques, onde a Alba a agardaban moitas sorpresas máis. Soprou as velas, merendou cos seus amigos e amigas e abriu unha chea de agasallos. Non puido cumprir nove anos dun xeito mellor. “A palabra que importa é a dos nenos”, asegura José Carlos, “e estes pasárono en grande”.