Alá imos VigBay!

30/03/2017

Nesta fotografía non están todos os que son pero son todos os que están. Ana, Marta, Xabi, Dolly, Vane, Víctor e Mónica forman parte do grupo de running Máis que Auga. Son 7 dos 33 membros do grupo que este domingo 2 de abril corren os 21 quilómetros na primeira gran carreira da tempada: a VigBay.

Despois de meses adestrando e saíndo a correr tres días á semana, enfróntanse ao primeiro gran reto do ano: para eles, esta carreira é a máis especial de todas as que gardan nos seus calendarios. Todos teñen moi claro que non se pode ser corredor, ser de Vigo e non facer a VigBay.

A ilusión coa que se enfrontan a esta proba é evidente en todos. Malia o esforzo físico que supón, o feito de superar os propios retos é para cada un deles un premio en sí mesmo. É o caso de Ana Rodríguez que, en pleno proceso de quimioterapia, tras enfrontarse a un cancro de mama corre esta VigBay con un prantexamento diferente á doutros anos: gozará de cada metro e de cada quilómetro percorrido porque para ela o feito poder participar é xa unha gran vitoria na batalla que está a librar.

Fagan a marca que fagan, todos son uns campións das súas propias metas. E para Máis que Auga é un pracer adestrar con eles e acompañalos nestes quilómetros de ilusión, esforzo e sacrificio que supón a VigBay. Alá imos equipo!