AGORA SI: ABRIMOS O DÍA 12 DE XUÑO!

04/06/2020

Apuntade esta data no calendario! Aínda que quedan pequenos trámites por pechar, todo o equipo de Máis que Auga traballa co día 12 de xuño na cabeza… Tres meses despois, volveremos abrir as portas dos nosos centros á familia Máis que Auga!

 

Sabemos que son moitas as preguntas que tedes e, nestes días que quedan por diante ata a apertura, iremos dando resposta a todas. Agora, de momento podemos dicirvos que abrimos case a totalidade dos nosos servizos. Poderedes utilizar a sala fitness, os cursos de actividades dirixidas en sala (adultos e nenos), baño libre na piscina e zona spa, cursos de pádel, gabinete de fisioterapia e nutrición… E xa estamos a organizar o Campus Multideporte de verán e o servizo de ludoteca! Con respecto aos cursos de natación, non se contempla a súa posta en marcha na fase 3, polo que non nos queda máis remedio que dar por finalizada a tempada e trasladaremos a praza de todos os nosos cursillistas para o mes de setembro.

 

Seguridade e limpeza. Como xa sabedes haberá que cumprir coas normas de seguridade establecidas por Sanidade, en canto aos aforos, distancia social e desinfección. A cooperación de todos é imprescindible para acadar un entorno no que todos nos sintamos seguros. Para iso, colocamos cámaras termográficas e alfombras desinfectantes na entrada, aumentamos nun 20% as horas de limpeza, instalamos postos de xel hidroalcohólico e desinfectante por toda a instalación, marcamos percorridos, delimitamos espazos nas salas e entre máquinas que respecten a distancia interpersoal…

 

Pouco a pouco iremos contándovos como será esta “nova realidade” nas nosas instalacións, pero o que si os podemos garantir é que continuará o bo rollo e o gran traballo das e dos nosos técnicos. Temos moitísimas gañas de volver vervos! Esperamos que vós tamén, porque agora máis que nunca contamos con vós!

 

Recuperación dos días de marzo. É unha das preguntas que nos chegan a través das redes sociais: O que imos facer é compensar eses días de marzo cos de xuño, é dicir, non comezaremos a aplicar a tarifa do novo mes, ata que se cumpran eses 18 días pendentes. Desta forma teredes a oportunidade de contemplar in situ  todas as medidas de seguridade implementadas nas nosas instalacións durante estas últimas semanas. Se pese a todo non os sentides a gusto, poderedes darvos de baixa antes do día 30 de xuño sen que se vos pase a vindeira mensualidade. No caso dos cursos de natación, o importe pendente compensarase no cobro de setembro.

 

Premio á fidelidade. Para todas e todos os nosos abonados que sigan connosco, temos un agasallo de benvida, que se vos entregará ao longo do mes de xuño. Ademais, durante o verán, no prezo habitual incluiremos o acceso á nova plataforma virtual casagym.tv, que comezaremos a utilizar dende xa e que será unha nova ferramenta de traballo. E outro obsequio máis! Os nosos socios/as poderán xogar ao pádel gratis nas pistas descubertas de Barreiro e invitar a tres amigos para formar os equipos, sempre sen custe algún.

 

E lembrade… ContadeConNós porque nós #ContamosConVós agora máis que nunca!!!