A XUNTA ANUNCIA UNHA NOVA ESTRATEXIA PARA O SERGAS NA QUE SE PODERÍA “RECEITAR” DEPORTE

04/07/2023

Todas e todos os que nos seguides sabedes o “pesados” que nos poñemos sobre a importancia da práctica deportiva para ter saúde e encántanos ver que se están dando pasos nese sentido.

 

A semana pasada, tras o Consello de la Xunta, o presidente Alfonso Rueda anunciou que se aprobou a nova Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027, na que se expoñen medidas como que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) subvencione ximnasios e piscinas municipais a pacientes aos que o médico receite facer exercicio.

 

É un proxecto a cinco anos, que arrinca cun orzamento inicial de 1,4 millóns de euros, e que incluirá accións para mellorar a saúde da poboación desde a Atención Primaria, o que requirirá formación para os sanitarios en materia de saúde comunitaria.

 

Estas iniciativas enmárcanse no traballo realizado desde hai anos polo goberno galego para impulsar accións de saúde comunitaria en Galicia. Iso implica que os centros de saúde colaboren coas entidades da súa contorna para mellorar o control das patoloxías crónicas, fomentar bos hábitos alimenticios, a actividade física ou reducir o risco de enfermidades de transmisión sexual ou adicións.

 

Sanidade pretende potenciar na actual carteira de servizos de primaria a atención comunitaria a través da inclusión e desenvolvemento de actividades que demostrasen a súa efectividade.

 

Para promover estes cambios na organización e metodoloxía de traballo dos equipos de primaria, o Executivo galego creará un equipo técnico e asesor que facilite esta atención en primaria e apoie aos profesionais na elaboración, execución e avaliación dos proxectos.

 

A continuación, tedes a ligazón coa noticia da Voz de Galicia na que informa sobre esta nova Estratexia de Saúde Comunitaria.