A VACINA TAMÉN CHEGOU A MÁIS QUE AUGA!

30/06/2021

Hai xa varias semanas que o proceso de vacinación chegou a  Máis que  Auga! No mes de maio comezaron a chegar os SMS aos móbiles dos nosos/ as traballadores que celebraban a noticia. Nestas semanas, xa son moitos os que foron pasando polo IFEVI para recibir a súa primeira dose e tamén xa temos a varios traballadores coas dúas doses.

 

Como está a pasar no resto da cidadanía, recibir a vacina é motivo de celebración e alegría na familia Máis que  Auga, xa que todas e todos somos conscientes de que son a solución para recuperar esa normalidade que todos ansiamos.

 

Así, xa teñen a pauta completa varios traballadores. En  Coia, Rosa e Sara xa se puxeron as dúas doses e no caso de  Mila e Sandra tocoulles a  Janssen, que é unidose, co cal tamén finalizaron o proceso. Pero non son as únicas que recibiron a `picada´, xa que temos a varios traballadores máis coa primeira dose e mesmo a piques de recibir a segunda. Eles son Conchi Martínez, Marisol, Alejandro, Miguel e  Lupo, e temos en espera e Edu  Davila, que irá este domingo. E seguro que se nos escapa algún!

 

Falamos con Rosa, que recoñece que o “momento vacina” foi un pouco estraño: “a sensación de ver a todo o mundo en fila, todo marcado… Pareciamos robots, autómatas e iso facíame pensar en como cambiara todo en tan pouco tempo e no vulnerables que somos”.

 

Rosa, que se vacinou con  Pfizer, tivo as molestias habituais, un pouco máis intensas coa segunda dose, “nas que tiven dor de cabeza, sensación de  nauseas, febre e  tembleque, coma se collese un bo arrefriado”. Pero agora, coa vacina completa recoñece que sente tranquilidade, aínda que insiste en que é necesario continuar vixiantes porque o virus segue aí: “A sensación é de tranquilidade, pero sen demasiada confianza dado que se están producindo novos  contaxios con outras variantes do virus en xente que xa estaba vacinada. Así que non hai que baixar a garda”.

 

En Navia, temos alomenos a tres traballadoras (Tere, Ana  Cendón e Rosana) coas dúas doses e aos poucos imos avanzando co resto do persoal. Así que nos puxemos en contacto con Tere para saber como fora a súa experiencia. Como case todos tivo o brazo  dolorido e ademais  sentíase “coma se estivese  incubando a gripe, con calafríos e cansazo, pero polo menos non tiven febre”. A nosa compañeira mostra a súa confianza na vacina: “O de ter a pauta da vacina completa para min é un paso adiante, xa que con isto por fin vese que, aínda que aos poucos, xa está máis preto de volver á vida que levabamos antes”.

E o que máis confianza dános é ver que todo avanza moi rápido. Carlota, Ana Vieira,  Jana, Alex Pérez, Lorena,  Rapha…. Son algúns dos que teñen a primeira dose en Navia e o mesmo sucede en Barreiro, onde Jorge, Sandra,  Agus, Alicia, Luís, Sonia, María, Fer, Mariña… xa están vacinados, dos cales Luís, Sonia, Sandra,  Agus e Alicia xa teñen as dúas doses. Ali recibiu esta segunda dose hoxe mesmo e estaba encantada ao saír do IFEVI coa súa segunda picada e ademais “todo estaba moito mellor organizado que cando fun á primeira dose”. Así, a espera foi menor e agora a tranquilidade maior, “e un paso máis preto de alcanzar esa normalidade coa que todos soñamos”. Para chegar a ela, non podemos descoidarnos agora que está tan preto, así que, por favor, cumpride as indicacións das autoridades sanitarias para seguir dando pasos firmes nesta complicada loita contra o virus da COVID-19.