A NOSA TÉCNICA CONCHY MARTÍNEZ, MELLOR ÁRBITRA DE POOMSAE ESPAÑOLA 2020/21

02/02/2022

A pasada fin de semana foi tremendamente especial para unha das nosas técnicas. Conchy Martínez, técnica de sala en Máis que Auga Coia, recibiu na Gala da Federación Española de Taekwondo o Premio Nacional ao mellor árbitro nacional de poomsae.  Conchy recolleu o premio na Nucia (Alacante) e esa mesma fin de semana tamén participou como xuíza no Campionato de España de Técnica e de Combate, así que días moi intensos e felices para nosa Conchy, que o martes chegou a MQA Coia co premio, para compartilo connosco e, por suposto, convosco: Coa familia Máis que Auga!

 

E como non pode ser doutra forma, quixemos falar con ela para saber que papel ocupa na súa vida o taekwondo e como comezou a súa aventura na arbitraxe. “Comezo co taekwondo cando tiña 14 anos, un pouco tarde, porque, aínda que sempre as artes marciais me atraían, tiña problemas para cadrar os horarios xa que me desprazaba desde Redondela a Vigo en autobús e non me daban as horas”. Pois se aos 14 empezou a práctica deportiva, aos 17 xa estaba a dar os seus primeiros pasos na arbitraxe na categoría de combate.

 

Ás veces é complicado entender porque unha persoa elixe ser árbitro, xa que adoita estar no punto de mira.  Conchy explícanolo: “Sempre me gustou a figura do árbitro, como a persoa que dirixe, xa que se encarga de que todo vaia ben, que ninguén se salte as normas… Aínda que ás veces sexamos a cabeza de turco, ou a persoa a quen apuntar co dedo cando as cousas non saen como algunha das partes quere”. E lembra que todos nos equivocamos: “Erros arbitrais hai, pero tamén en ambas as partes: competidor e árbitro”.

 

O premio é de xuíza de técnica (poomsae) e precisamente ela comezou con combate e tardou algún tempo en dar o salto. “A técnica veu moitísimo despois de estar a arbitrar combate, como outra maneira de enfocar a arbitraxe. Gustábame a parte da técnica, non se me daba mal, e decidín sacarme as titulacións a maiores de xuíz de técnica”, sinalou  Conchy, que leva en Máis que  Auga desde o ano 2018 facéndonos bailar, gozar e sufrir un pouquiño, coas súas animadas clases e o seu sorriso perenne.

 

Fai moi pouco, chegou o recoñecemento do taekwondo nacional. Quixemos saber como se decatou: “Recibín a noticia do premio a só dous días da entrega. Estaba a descansar e o móbil non deixaba de soar. Pensei que eran algúns grupos de traballo, xa que os dos árbitros téñoos silenciados e ao abrir o whasapp atopeime con cantidade de felicitacións. Ao principio pensei que se trataba dunha broma, pero logo pasáronme a circular oficial da Real Federación Española de Taekwondo e dinme conta de que era verdade”.

 

E, que significa este premio para nosa técnica?: “Un recoñecemento ao meu traballo de xuíz durante moitísimo tempo, que desenvolvo con moito agarimo e dedicación. Nunca pensei que ninguén se fixaría no meu traballo, que desempeñei durante anos da maneira máis humilde posible, sen levantar a voz e traballando de maneira continua. Moitas horas de bus,  madrugóns…, que agora teñen o seu recoñecemento”.

 

E non podemos finalizar, sen destacar a sorte que temos en Máis que  Auga, xa que contamos con dúas das árbitras de taekwondo máis importantes de España. Porque mentres Conchy estaba na  Nucia, María Bautista -a única xuíza española que é internacional e que este verán estivo nos Xogos  Paralímpicos, despois dunha dura formación- atopábase en Moscova participando nun campamento de adestramento de árbitros internacionais da Unión Europea de Taekwondo, que servirá para elixir aos equipos arbitrais que van dirixir os diferentes Campionatos de Europa deste ano.