A NOSA SOCIA E PSICÓLOGA DE CABECEIRA EVA LÓPEZ ESTRÉASE NA FACETA DE ESCRITORA CON TRANSFORMA

24/03/2023

Sabedes que sempre nos gusta contarvos noticias positivas que afectan os membros da familia Máis que Auga e hoxe é un deses días. Durante a pandemia coñecestes á psicóloga Eva López, unha das nosas usuarias, que nos axudou a entender como nos afectaba o encerro, como levalo mellor, como afrontar o medo. Da súa man aprendemos moitas cousas e entendemos a necesidade de reconectar coa nosa alegría nos momentos complicados. Animounos a facer deporte, bailar, meditar, pasear, ler…, axudounos a facer fronte á ansiedade e ao medo e lembrounos a importancia de que saísemos fortalecidos desta complicada situación.

 

Pois agora queremos contarvos o último proxecto de Eva. A nosa socia acaba de presentar en sociedade o seu primeiro libro, Transforma, e quixemos falar con ela sobre esta nova aventura. O libro acaba de saír da imprenta e está á venda en Amazon.

 

 – Como xorde a idea de escribir un libro?

Xorde por mor de sentir que o día que me vaia deste corpo físico, gustaríame deixar plasmado de forma sinxela o que aprendín en relación ao ser humano, a como sentimos e axudar a que outros poidan ser máis felices.

Tras dezasete anos en consulta, deime conta de que nos seres humanos existen uns patróns emocionais que se repiten e que o inconsciente ten unha linguaxe que hai que aprender a interpretar.

Este libro é unha forma de axudar a entender esa linguaxe, descifralo e así poder mellorar esas áreas da nosa vida que son tan importantes.

De aí a importancia para min de escribir este libro, que as persoas comprendan os piares máis básicos nos que se fundamenta a nosa vida, e que sandándoos podemos ter unha vida máis libre e feliz.

 

-Que vai atopar en Transforma o lector?

Transforma é un lugar para comprendernos por dentro, no que é invisible aos ollos e á vez tan importante. Para entender os piares que nos están influíndo de maneira inconsciente e directa na nosa vida, como o noso neno interno, que se manifesta con alegría se está san ou con tristeza, enfados e ansiedade se ten emocións antigas bloqueadas sen resolver.

É unha viaxe interior para poder ir de forma directa a comunicarnos co noso inconsciente e comprender a súa linguaxe. Comprender por exemplo que a nosa nai inflúenos na alegría de vivir ou o noso pai na realización profesional, dependendo do lugar que ocupen no noso corazón.

Entrar en comunicación coa nosa árbore xenealóxica para deixar de repetir patróns e ter a oportunidade de reparar.

É a través desta comprensión do profundo como podemos coñecernos, liberar e sandar o non resolvido, e desde ese lugar expresar os seres humanos que viñemos a ser.

 

–             A quen vai dirixido?

Este libro vai dirixido a todo aquel que estea vivo, que teña ganas de vivir conectándose coa súa alegría.

A todos aqueles valentes que se atrevan a entrar dentro de si mesmos, ver que hai nas súas profundidades e queiran sandalo para ser máis felices e ter unha vida máis plena.

E sobre todo a aqueles que queiran paz, porque é un libro dirixido a aumentar a consciencia na vida, a axudar a espertar o corazón e permitirnos sentir, e só desde ese sabedoría profunda podemos vivir con profunda paz.

 

–             Cales son os principais problemas “psicolóxicos” da sociedade actual?

Os principais problemas psicolóxicos da sociedade actual son a depresión, ansiedade, estrés, apatía… e moitas enfermidades físicas cuxo orixe é emocional, e son abordadas principalmente con fármacos, deixando á persoa sen resolver a verdadeira orixe da súa dor.

Vivimos nunha sociedade onde as persoas vivimos en constante #estrés, sen pararnos a sentir, é unha carreira constante. Isto lévanos a estar en estado de alerta, aumentando o noso cortisol e xerando un sistema inmunolóxico máis débil, o cal acaba por enfermarnos.

Ademais, moitas persoas viven con resentimentos dentro, cousas sen expresar, sen perdoar, relacións que non están sandadas e isto tamén acaba por enfermalas.

Debemos conectar co noso poder e desde aí xerar o verdadeiro cambio na nosa vida. É unicamente desde este lugar de sabedoría interna desde podemos transformar aquelas partes da nosa vida nas que non somos felices e reconectar de forma auténtica con quen verdadeiramente somos.