A NOSA COMPAÑEIRA MARÍA BAUTISTA ESTARÁ NOS XOGOS PARALÍMPICOS DE TOKYO!

08/08/2021

A nosa compañeira María Bautista estará nos Xogos  Paralímpicos de  Tokyo! María, que é a profesora de taekwondo en  Máis que  Auga, non só é practicante de taekwondo e mestra. Tamén é xuíza e das boas. Desde 2005 é árbitra internacional e despois dunha dura selección recibiu a confirmación de que será unha das 30 integrantes do equipo arbitral de  parataekwondo este verán.

 

Non foi un camiño fácil para esta gran loitadora, que empezou facer taekwondo con 7 anos no Ximnasio-Escola  Kiap de Vigo. E se comezou a práctica deportiva sendo unha nena, tamén foi moi rápida en conseguir o título de árbitra, algo que no taekwondo vai unido. Así nolo explica María: “No taekwondo, a práctica e a arbitraxe van entrelazados: Se queres ser cinto negro, unhas titulacións son requisito sine qua non para alcanzar as outras. Naquel momento, as obrigatorias eran as de árbitro de combate. Así que titularse, que non arbitrar efectivamente, é parte do proceso natural no ascenso e a progresión de  danes”. Desta forma, “con quince anos, saquei o meu título de árbitro nacional en maio do 94, e en 2005 o de árbitro internacional, en Roma, converténdome na primeira e, ata o de agora, única árbitra internacional de taekwondo de Galicia, o que é unha pena, porque temos un moi bo nivel arbitral”.

 

Como árbitra internacional, Bautista estivo en Mundiais, Europeos… pero faltábanlle uns Xogos. En principio, o seu obxectivo era a cita olímpica, pero unha inoportuna e gravísima lesión (fractura de nocello en 2018) marcou o seu camiño. O campamento de preparación para os Xogos foi a principios de 2019, polo que “non puiden nin pensar en presentarme”, así que cun pouco máis de tempo optou aos Xogos Paralímpicos, nos que o taekwondo entraba como modalidade deportiva por primeira vez. “O campamento de adestramento e selección atrasouse ata maio de 2019, e aínda que non estaba ao 100%, os médicos déronme permiso para facer as probas físicas, a pesar de que non puiden adestralas previamente. Así que a preparación foi en auga, basicamente, para reducir a carga sobre o nocello, na piscina pequena de Navia, e fisioterapia”.

 

Será a primeira vez que o  parataekwondo estea no calendario dos Xogos, polo que “é especial, porque pase o que pase, imos facer historia, xa a estamos facendo”. Chegar ata aquí foi moi complicado, porque o proceso de selección é moi longo (comezou en setembro de 2018). “En abril de 2019 a Federación Mundial selecciona ao grupo de árbitros para o campamento de adestramento e selección que se realizou en Moscova en maio. Durante o campamento tivemos distintas sesións de adestramento e formación, que finalizaron, na última xornada, coas probas físicas e médicas e os distintos exames. De aquí saíu un grupo de 50 árbitros, que no resto do período olímpico foi observado e avaliado nas competicións internacionais (mundiais e continentais), no Test Event dos Xogos, ao que só doce árbitros fomos convidados, e nos clasificatorios olímpicos continentais, dos que tivemos que arbitrar dous, no meu caso, o africano, xusto antes do confinamento, e o asiático, este maio, en Xordania. Durante o confinamento, e a tempada sen competicións, continuamos a nosa formación e adestramento, de forma virtual, con reunións do  top 50. Tras todo este proceso, a avaliación e control dos árbitros  seleccionables, e seguindo os criterios de equidade continental (en proporción aos atletas participantes) e paridade, informouse aos 30 árbitros elixidos, entre os que, por sorte, atópome”, explicounos María Bautista.

 

Agora, toca gozar desta gran experiencia, que será o seu maior obxectivo alcanzado, aínda que María ten claro que “o maior logro é estar e manterse a alto nivel durante un longo período de tempo, aínda que diso non nos damos conta xeralmente mentres o vivimos”. Evidentemente, “estar nuns Xogos é o soño da maioría dos deportistas. Eu tiven o privilexio de que, na miña faceta arbitral, converteuse nun obxectivo, e poder loitar por el, especialmente en Londres 2012, no que quedei ás portas, e agora en Tokio 2020, nun ano atípico, onde o conseguín, e nada menos que no debut do Parataekwondo”. Así que cando llo comunicaron sentiu un pouco de todo: “É complicado explicar con palabras o que sentín. Foi unha mestura de alivio, incredulidade, alegría… Tiña ganas de rir, de chorar, de gritar… E o peor é que non llo podía contar a ninguén, nin á miña familia”.

 

Agora, que xa é oficial pode contalo e gozalo cos seus, aínda que iso si, coa máxima precaución xa que “despois desta longa carreira non queres que a  COVID che deixe na casa, e non só iso, o Comité Organizador estableceu unhas medidas e protocolos que temos que cumprir: Monitoraxe diaria catorce días antes da saída, varias probas  PCR, que temos que ir subindo a unha aplicación específica para todos os olímpicos, e moitas máis medidas unha vez aterrados, con controis e test diarios, entre outras”.

 

Desde  Máis que  Auga só podemos dicirche María que estamos moi orgullos@ s e que goces ao máximo da experiencia, xa que a gañaches co teu esforzo e traballo!