A METAMORFOSE DAS NOSAS COMPAÑEIRAS ANA E LUCÍA

30/12/2023

Ás veces comezas cunha disciplina deportiva, estás cómodo/a e aí te quedas para sempre. Pero… e se te estás perdendo algo que che encha máis? Unha actividade que se adapte mellor a ti e que nin sequera se che ocorreu probar? Pois hoxe queremos animarvos a ser atrevidos e atrevidas, a probar novas clases, outras experiencias, ámbitos diferentes… E para iso, queremos poñer como exemplos a dúas das nosas técnicas, Ana e Lucía, que nos últimos meses arriscáronse a probar, sen medos e con ganas de experimentar. Cambiaron de pel e… están encantadas!

 

Lucía Llorente é o exemplo máis claro de que unha persoa pode facer moitos deportes e moi diferentes. Xa de seu, é unha monitora polivalente. Tanto podes vela en piscina, como en sala fitness ou en dirixidas e está claro que se apunta a un `bombardeo´. Lucía practicou toda a súa vida un deporte colectivo, fútbol, pero agora enganchouse a dúas novas disciplinas, que son individuais e que non teñen nada que ver. Ela cóntanos como empezou todo. “A miña afección polas carreiras de obstáculos (OCR) comezou hai un ano, cando realicei o Desafío Boot Camp e… engancheime! Empecei a prepararme, metinme na liga Galega de OCR e quedei terceira na Liga Popular. Xa estiven en probas de OCR en Asturias, Portugal e todas as que puiden en Galicia, polo que decidín adestrar especificamente OCR”.

Pero non só lle gustan os obstáculos. Hai uns meses, Javi Vázquez, o técnico do equipo de running de MQA Coia, animou a Lucía a participar nunha proba, xa que lle faltaba unha corredora para formar un equipo e, como non podía ser doutra maneira, enganchouse. “Gustoume o ambiente e o feito de que é unha forma diferente de competir. Eu sempre practiquei un deporte colectivo e aquí é algo completamente distinto. Compito non só contra os demais, senón que é unha forma de superarte a ti mesmo, para mellorar as marcas ou pasar un obstáculo que se  resistía”. Con todo, Lucía segue atopando tempo para o fútbol (agora na faceta de adestradora) e o fútbol sala (como xogadora, nun pasatempo de fin de semana).

 

Lucía xa ten algúns obxectivos cara ao ano que está a piques de comezar: “O primeiro é mellorar o meu tempo da VigBay, quedar por baixo de 1:45:00, e en OCR, subir a algún podio! Porque, aínda que quedei terceira na categoría popular, como foi unha clasificación por puntos, non cheguei a subir a ningún nas probas disputadas”.

 

Ana Pérez é monitora de natación en Máis que Auga Coia, pero tamén é unha participante habitual nas diferentes travesías a nado que se celebran por Galicia. En agosto, contabámosvos que gañara a Travesía a nado da Ría de Vigo, o que mostra o seu nivel de especialización, pero Ana non pecha portas a outras experiencias.

 

En realidade, comezou correr hai varias tempadas. Naquel momento o seu adestrador era o noso Alex Brea e este animouna a realizar tríatlon durante o verán. Así comezou montar en bicicleta e a correr, pero só o practicaba no verán e algo cando comezaba a pretemporada de natación. Pero, en setembro chegou a proposición de Javi Vázquez, para que Ana comezara saír co equipo. E niso estamos. “Empecei correr, aínda que non estou a adestrar todo o que debería, fáltame tempo para facer máis adestramentos de calidade en carreira”.

 

Iso si, Ana ten moi claro que “me gusta coñecer outros deportes. O tríatlon ou a carreira sempre me gustaron, pero necesitan moitas horas de adestramento e agora mesmo estou centrada no traballo e o estudo, que é o que me vai a dar un futuro profesional”. Ademais, asegura, “o cambio de estar na piscina para adestrar fóra, con máis xente, é algo positivo. Na natación adestras moitas horas en solitario e o feito de saír a correr ao exterior, estar con máis xente, poder falar… é algo positivo. Faiche cambiar o chip e que a mente descanse un pouco de tanta natación”.

 

Preguntámoslle a Ana sobre os seus obxectivos para o ano 2024, pero ela explicounos que non quere marcarse obxectivos a nivel de resultados, iso quedará nun segundo plano: “Para min o obxectivo é facer entrenos de calidade en carreira. Ao longo das tempadas tiven obxectivos ambiciosos a nivel deportivo e agora o que quero é gozar dos adestramentos e, se podo participar nalgunha carreira, competir o mellor posible. É verdade que me gustaría correr algunha carreira da Run Run Vigo, pero iso dependerá do tempo que teña dispoñible”.