A CARREIRA VIGO CONTRA O CANCRO, PRIMEIRA PROBA DA TEMPADA PARA O NOSO EQUIPO DE RUNNING

16/10/2022

O equipo de running Máis que Auga xa está na estrada! Hoxe disputou a primeira proba da tempada, a IX Carreira Vigo Contra o Cancro, unha cita especial sempre para o noso equipo e para todas aquelas persoas que acoden, xa que é moito máis que un encontro deportivo.

 

Precisamente por iso é a mellor maneira de comezar a tempada. Hoxe, con case 4.200 persoas inscritas, celebrouse Vigo contra o Cancro, nun ambiente festivo e desafiando ao desapracible tempo con sorrisos e o mellor dos ánimos. Como todos os anos, Máis que Auga contou cunha nutrida participación, máis de 30 persoas, pertencentes aos grupos de running e algún que outro que se anotou por libre, como actividade #OutExperience.

 

E tamén como todos os anos esta proba serviu para acompañar aos enfermos/as, para mandar unha mensaxe de solidariedade, para colaborar en proxectos de investigación -este ano proxecto BICAR (Bacterias Intestinais en Cancro de Recto)- e para seguir avanzando unidos nesta loita contra o cancro.

 

Por suposto, o que menos importa nesta carreira son os resultados, pero non podemos deixar de destacar o bo traballo realizado polo noso equipo, con varios podios. Noe Álvarez logrou o terceiro posto na clasificación xeral feminina; Rosa Álvarez foi primeira no seu grupo de idade (F4) e Maru Leiceaga, segunda en F2. Por último, sinalar que, en mozos, Gonzalo González acadou a segunda posición en sub 20.

 

Equipo Running Máis que Auga

Para aqueles que non o coñezan, ímosvos presentar ao noso equipo de running. É unha das nosas actividades #OutExperience, a máis veterana, xa que xurdiu hai máis de dez anos para cubrir a necesidade que tiñan moitos dos nosos socios/as de saír correr fóra da instalación. Desta forma, cada centro formou o seu grupo e saen pola súa conta dous días (luns e mércores) cun técnico da súa instalación a e o venres realizan una sesión conxunta en Castrelos os integrantes dos tres grupos (dirixido polo técnico dun dos centros, que se van alternando). Este ano a tempada comezou o día 1 de setembro e dende o parón obrigado pola pandemia parece que por fin regresa a normalidade, aumenta o número de participantes e as ganas por volver competir nas diferentes probas.

 

Así que xa sabedes, se queredes sumarvos ao grupo de running do voso centro, preguntade na recepción ou a algún dos nosos técnicos/as, que estarán encantados de informarche.