A AVENTURA “MUNDIAL” DE AROA SÍO

08/07/2021

68 quilómetros cun desnivel positivo total de 4.800 metros, máis de dez horas de esforzo por diante e o reto de representar a España nun Mundial. Esta é a nova aventura de  Aroa  Sío.

 

Aroa afronta este sábado 10 de xullo un novo reto, un que lle fai especial ilusión xa que vai representar a España no Mundial de Ultra Trail da  International  Skyrunning  Federation, que se disputará no  Vall de  Boi  leridano.

 

Foto: Miguel Rúa.

Este soño foi absolutamente inesperado para nosa deportista  Máis que  Auga que este ano nin sequera tiña previsto participar no campionato de España, xa que nesas datas disputábase en Austria unha proba do Ultra Trail World Tour e  Aroa estaba inscrita. Pero esta carreira aprazouse e  Aroa decidiu competir en Tenerife no Campionato de España onde logrou a terceira posición e un premio extra: “Como era o terceiro ano consecutivo que facía podio, decidiron incorporarme á selección española”, explícanos Aroa emocionada: “Estou moi contenta, era algo que non buscaba nin esperaba, pero estou feliz de poder estar aí, cos mellores de España na distancia ultra, representando ao noso país e ademais facendo o que máis me gusta, que é correr”, afirma a nosa deportista.

 

A semana pasada, a selección estivo en  Val de  Boi estudando o percorrido e a viguesa non dubida en sinalar que é espectacular, aínda que perigoso. “O percorrido é moi lento. Son subidas moi longas, con moita pendente, do mesmo xeito que as baixadas. Hai que baixar retendo continuamente, porque ten moita pendente, con moitas pedras soltas e é perigoso. Hai moito ` cresteo´, hai que correr polas montañas e aínda que a min me encanta facelo, non é o mesmo que correr por unha senda. No ` cresteo´ unha mala colocación do pé pode traer graves consecuencias, pero no aspecto técnico, a min dáseme ben este tipo de percorridos”.  Aroa ademais contará cunha motivación extra nesas horas na montaña, que é o recibimento que lle deron os seus veciños en Coruxo: “Cando cheguei da concentración en Lleida atopeime o pobo cheo de pancartas dándome ánimos e cando estea na montaña, que van ser moitas horas, pensarei en todos eses ánimos que recibín e daranme forza para seguir apertando os dentes e tentar facer o mellor papel posible”. Serán 68 quilómetros cun desnivel positivo total de 4.800 metros.

 

A pesar de que loitará ata o final, Aroa recoñece que o resultado para ela non é o máis importante: “Para min poder participar no Mundial xa é un premio; eu xa gañei, poder formar parte da selección xa é un gran premio”.