Coa entrada do outono chega a normalidade as nosas vidas e o momento de recuperar hábitos saudables na nosa alimentación. A responsable do gabinete de Nutrición de Máis que Auga , Conchi Adrover, aconséllanos para esta tempada.
Para axudar a subir as nosas defensas e mailo estado de ánimo (que tende a baixar no outono) é bo consumir aqueles alimentos que nos aportan os nutrientes que o noso corpo precisa, especialmente vitamina B, hidratos de carbono de asimilación lenta e minerais.
No caso das froitas é aconsellable optar polas de tempada que teñen as sustancias imprescindibles para que o cambio de estación non nos afecte tanto. É fundamental consumir froitas ricas en vitamina C como as mandarinas e os pomelos que nos axudan a aumentar as defensas e nos protexen contra a gripe e os fríos. As uvas, figos, papaias, mazás e caquis son outra boa opción.
As verduras como alcachofas, berenxenas, cabazas ou coliflores son tamén moi beneficiosas porque ademáis de contar con poucas calorías exercen unha acción tonificante e antioxidante. Non debemos esquecer tampouco na nosa alimentación de outono as endivias, tomates, patacas, froitos secos, cereais e legumes.
En canto ás proteínas é recomendable consumir tanto peixes como carnes propias desta época: bonito , atún, sardiña, robaliza, rodaballo, paspallás, xabaril, pato ou coello.