O TAEKWONDO, MOITO MÁIS QUE UN DEPORTE EN MÁIS QUE AUGA

19/05/2023

O taekwondo é unha das actividades máis lonxevas en Máis que Auga (dende o ano 2013 nos centros de Barreiro e Coia e en Navia, dende a apertura). Será porque nela aprenden máis que un deporte, será porque fan a súa iniciación á competición, será porque se lle transmiten valores (convivencia, respecto..) Ou tamén será que a mestra das e dos nosos pequenos taekwondistas é María Bautista, unha arbitra internacional de taekwondo, que sabe transmitir o seu amor por este deporte.

 

As clases de taekwondo en Máis que Auga están divididas en dous tramos de idade: Kids, de 4 a 7 anos, e júnior, de 8 a 16 anos. Tal e como nos explica María, “en kids traballamos moito a psicomotricidade, a coordinación e o desenvolvemento das capacidades físicas dos nenos e nenas, así como a introdución á disciplina, o traballo en equipo, o respecto ao rival e a convivencia”. En júnior, “o traballo xa está máis centrado no taekwondo, na iniciación á competición”.

 

A temporada vai dende o 1 de setembro ata o 30 de xuño e normalmente celébrase o final de tempada coa asistencia ao torneo Vila de Cangas, que este ano se vai celebrar o día 4 de xuño no Gatañal. “É unha competición de técnica, que ten unha orientación máis lúdica e participativa, polo que nos gusta ir como peche da tempada”.

 

María, nos campamentos de selección para os Xogos Paralímpicos de París

 

A nosa técnica María Bautista participou hai uns días no Campamento de adestramento e selección para os Xogos Paralímpicos de París 2024. “Foron catro días de formación e probas médicas, físicas, de regulamento, puntuación, manexo do combate e inglés. O obxectivo, escoller aos 50 árbitros dos que sairán os 30 que finalmente arbitrarán en París”. Hai que recordar que María xa estivo nos Xogos de Tokyo e foi unha experiencia incrible para ela.