COÁMONOS NA CLASE DE AQUATRAINING EN COIA!

27/03/2022

Unha semana máis decidimos coarnos nunha das vosas clases e esta vez, que xa estamos na primavera e soben as temperaturas, apostamos pola piscina. Así que fomos á clase de  aquatraining da técnica Lucía Llorente en Máis que Auga Coia, na que se combina traballo dentro e fóra da auga. A nosa técnica explícanos que esta actividade vai dirixida a todo tipo de idades, aínda que iso si, deben ser persoas activas que saiban nadar minimamente. Pero non hai que ter medo, porque nos exercicios que se realizan en seco cada un utiliza os pesos que mellor se lle adaptan. Ademais hai que destacar que se traballan case todas as partes do corpo e que ao facer gran parte do traballo na auga, é unha actividade de pouco impacto.

 

Pero o mellor é escoitar aos protagonistas e iso foi o que fixemos! Mónica Castro, de 56 anos, é socia de  Máis que  Auga desde hai máis de dez anos e vén case todos os días e realiza actividades tanto en sala como en piscina. Coñece Aquatraining desde que chegou ás nosas instalacións, pero recoñece que agora está moito máis enganchada. “A verdade é que a min, a piscina apetéceme máis cando chega o bo tempo, pero agora mesmo temos un grupo e unha monitora tan bos, que non mo perdo nunca”, afirmou. A Mónica cústalle destacar só unha cousa de  Aquatraining, porque “me gusta todo. É unha clase moi completa, nadas, fas exercicio, te divirtes… É unha clase moi  completiña que, se estás afeito facer exercicio, a fas moi ben”.  Moni está encantada tamén co grupo que teñen e non escatimou eloxios para a técnica  Lu, que “é un encanto. Súper preocupada polas clases, polos movementos, vixíache para que o fagas ben e leva a clase xenial”.

 

E o mesmo pensa Charo Fernández, de 60 anos, que non se perde nin unha clase de  aquatraining con Lucía e o seu grupo. Chari leva 7 ou 8 anos xa en  Máis que Auga e adoita vir unhas catro veces á semana, sendo unha das súas citas ineludibles, o  Aquatraining os martes e xoves ás 21:00 horas. Asegura que “lle gusta a  profe e a clase en si, e a verdade é que temos un grupiño moi bo en Aquatraining”. Charo comezou en novembro e “estou encantada. Vou os dous días e unha pena que non poñades outro día máis, porque tamén iría”, afirma. Cando lle preguntamos a Charo se é unha clase moi esixente, a nosa socia tira de humor. “Si, é esixente, pero a min gústame que me metan cana. Non me desprazo ata o  gym e me poño o bañador para non facer nada. Para iso quédome na miña casa!”.

 

O que nos demostraron Mónica e Charo é que son un grupo unido, divertido e esixente, que o pasa ben facendo deporte sen perder xamais o sentido do humor, como nos acaban de demostrar nos entroidos, nos que sacaron as súas mellores galas.

 

Lembrade que  Auqatraining forma parte da programación incluída no abono e que podes gozar dela en  Coia (martes e xoves ás 21:00 horas) e Barreiro (luns e mércores, 20:15 horas).