CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE MATERIAL PARA AS FAMILIAS UCRAÍNAS EN MÁIS QUE AUGA E MEUFIT

07/03/2022

O mércores 9 de marzo remata a campaña de recollida de material para nenos de 0 a 3 anos de Ucraína, que emprendemos de forma conxunta Máis que Auga, MeuFit, a Asociación Sinergias360 e Diesemm Eventos.  O obxectivo prioritario é conseguir roupa, medicamentos, mantas, leite de continuación, potitos, cremas, chupetes, biberóns…. Todo o que necesitan os máis pequenos e que agora mesmo é case imposible de conseguir nun país en guerra.

 

Máis que Auga e a Asociación Sinergias360 colaboran habitualmente no Proxecto 0-3, para tratar de axudar as familias viguesas con nenos de 0 a 3 anos, que se atopan en situacións complicadas. Cando comezou a guerra tivemos claro que queríamos facer algo, pero había que atopar o modo. Desta forma, puxémonos mans á obra para, antes de nada, encontrar unha forma de distribución segura e garantir que os produtos chegarán ao destino correcto. Así, a través da embaixada deste país en España, acadamos a fórmula e agora chega o momento da colaboración de todas e todos vós.

 

E o certo é que a resposta tanto das e dos nosos socios como doutras asociacións o colectivos que se suman á iniciativa a través das redes sociais, está a ser espectacular. En nada,  as caixas ubicadas nos nosos centros estaban cheas e non deixamos de baleiralas para que poidades seguir enchéndoas de produtos de todo tipo, pero sobre todo dunha mensaxe clara de solidariedade e de paz.

 

Recordade que o día 9 de marzo pola noite remata a campaña, para que poidamos levalo todo á sede da empresa TXT que será a encargada do transporte, primeiro en dirección a Madrid e dende alí a Polonia, ou donde a Embaixada de Ucraína indique.

 

Hoxe mesmo comezamos a trasladar as doazóns recibidas á delegación de TXT en Mos. E tras coñecer in situ o seu traballo, queremos pedirvos un último favor: Que o material veña separado dependendo do contido (roupa, material médico e hixiénico, comida) e en caixas, se pode ser pechadas, coa súa correspondiente etiqueta informativa. Desta forma, axudámoslle na súa tarefa de clasificar miles de paquetes.