Regresan os nosos roteiros de sendeirismo e trail running. A primeira cita será o domingo 28 de novembro no monte Aloia, unha contorna espectacular e marabillosa para facer deporte e gozar ao máximo da natureza no outono.
A xornada dividirase en dúas disciplinas. Comezaremos ás nove da mañá co trail running, que terá un percorrido de 10 quilómetros en dous dos enclaves máis bonitos do parque. A previsión máxima desta actividade, na que trotaremos en grupo, será de 1 hora e media.
Cando finalice o trail, ás 11:00 horas, comezará o roteiro de sendeirismo polo mesmo percorrido, aínda que a un ritmo máis tranquilo, con tempo para gozar da inigualable paisaxe e facer fotos. Esta andaina ten a opción de facer só a zona máis alta (uns 4 quilómetros), pero queremos animarvos a facela ao completo, xa que, sen ningunha dúbida, merece a pena.
Aquí tedes a ligazón para chegar ao lugar de saída, e tamén poderedes botar unha ollada ao percorrido en strava.
Así as cousas, calculamos que finalizará todo ao redor das 13:30 horas, polo que chega o momento de repoñer forzas. Poderemos ir comer de monte, ou acudir aos restaurantes que hai nas inmediacións ou ben acudir ata o pobo de Prado.
Aquí podería acabarse a xornada deportiva, pero se queredes continuar temos outro plan para a tarde. Realizaremos a marabillosa senda dos Muiños do Río Tripes, un paseo incrible de 2 quilómetros e medio (ida e volta), que se fai facilmente en só unha hora.
Como sempre, lembrarvos que todas as persoas interesadas poden reservar a praza na recepción dos nosos centros ata completar o grupo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/ as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4 euros pola saída.