Antonio Serrat, subcampión de Europa e reserva nos Xogos

24/06/2021

A semana pasada estivo chea de boas noticias para Antonio Serrat. A metade de semana anunciouse que era o deportista reserva para os Xogos Olímpicos e o sábado logrou a medalla de prata no Campionato de Europa, que este ano se disputou cun formato diferente e sobre unha distancia nova.

 

Así que despois de tantas novidades, decidimos poñernos en contacto co noso deportista  Máis que Auga para facer unha análise da tempada. 2020 foi un ano complicado para  Serrat. Decidiu dar un xiro de 180 graos na súa preparación. Cambiou de adestrador e de país, para ir adestrar a Estados Unidos con Ian O’ Brien e alí foi… Durante tres meses. A pandemia freou os seus plans e, ante a situación sanitaria e a imposibilidade de competir, o triatleta vigués decidiu regresar a casa para pasar a pandemia. Foron meses complicados para Antonio, que adestraba en solitario, seguindo as directrices do seu adestrador, e uníndose “cando podía ao grupo de atletismo de Manu Ageitos para axudarnos e tentar sacar bos entrenos”.

 

Finalizou esta tempada atípica, e a idea inicial de Antonio era poder dar continuidade a un proxecto que se frustrou pola COVID-19. Pero unha vez máis, a pandemia gañou aos plans do noso deportista. “Finalmente non puiden viaxar, xa que me denegaron o visado de entrada en Estados Unidos porque había restricións e só permitían a entrada ao país a residentes, a persoas con permiso de traballo ou a aquelas que fosen achegar un beneficio ao país. Este último sería o meu caso, xa que levaba unha carta de invitación da Federación Americana de Tríatlon. Estudaron o meu caso e entenderon que non achegaba ao país un beneficio suficiente como para deixarme entrar, polo que non puiden viaxar”, explicou  Serrat.

 

Outro duro revés e novamente tocou reinventarse. Pero hai un lema que o noso deportista repite sempre: prohibido renderse e unha vez máis, non o fixo. “Falei con Jonathan Cancela (adestrador da Federación Galega de Tríatlon), que xa fora o meu adestrador na categoría cadete e xuño, e coa Federación Galega de Tríatlon para contarlles a miña situación e preguntarlles se me podía unir a adestrar con eles. Desde un principio dixéronme que si e a verdade é que lles estou moi agradecido. Así, este ano empecei a adestrar en Pontevedra e estou moi contento”, manifestou Antonio.

 

Os resultados esta tempada están a ser moi bos: Cuarto na Copa do Mundo de  Arzachena, oitavo na Serie Mundial de Leeds facendo unha proba excepcional, e… Sub campión de Europa en  Kitzbuhel (Austria) en distancia sprint!

 

Era un formato de competición novo (semifinal e final en dous días) e con distancia máis curta (500 metros nadando, 12 quilómetros en bicicleta e 3 qm. correndo). Primeiro obxectivo, clasificarse para a final porque “nestas distancias, calquera detalle págase moi caro e é necesario estar diante durante toda a proba para clasificar. As sensacións nas semifinais foron boas e puiden clasificarme”. Ao día seguinte, a final e en natación o noso deportista non se colocou demasiado ben, polo que tocou recuperar. “Por sorte as sensacións en bicicleta foron mellores e, con outros triatletas, puiden entrar no primeiro grupo e chegar así á segunda transición”. Comezou forte o último segmento: “Desde os primeiros metros as sensacións eran boas polo que saín rápido para tentar romper a proba. Escapamos 3 triatletas e a falta de 1 quilómetro empezaron os ataques e nun deles o suízo, que foi finalmente o gañador, púidose ir. Pola miña banda, eu apertei para tentar recortar diferenzas co primeiro, pero estaba máis forte e non fun capaz. Aínda así, moi contento coa segunda posición, tanto polas sensacións na parte final de carreira, como polos rivais e polo rendemento que tiven, despois do esforzo do día anterior”.

 

Reserva Xogos Olímpicos

 

A semana pasada tamén se anunciou que  Serrat será o triatleta reserva para o equipo español olímpico. Dúas das prazas xa estaban asignadas por méritos deportivos (Mario Mola e Fernando  Alarza) e na terceira, que aínda estaba sen dono, pesou a fantástica traxectoria de Javier Gómez Noya ( pentacampeón do mundo). Antonio será o reserva por méritos propios, xa que sen dúbida é o triatleta español cunha actuación máis regular nesta tempada, competindo cos mellores triatletas do mundo en todas as probas disputadas.

 

Sobre o feito de ser reserva en  Tokyo,  Serrat quixo agradecer á Federación Española que contasen con el e asegurou que “para min é toda unha honra estar como reserva e, aínda que é un soño participar nuns Xogos, nesta situación, que eu puidese estar en  Tokyo, iría en detrimento de Mario, Fernando ou Javi, polo que prefiro non ter que actuar”.

 

Falar do futuro inmediato é complicado, o único que sabe Antonio é que “no verán seguirei adestrado para preparar as probas de final de verán, xa que os Xogos paralízano todo. Quedan dúas probas do campionato do mundo a finais de agosto nas que me gustaría poder participar”. Polo momento, toca adestrar e prepararse para estar no mellor momento de forma posible, cando toque saltar á auga de novo.