Hipopresivos, un descoñecido con moito que ensinar

20/02/2020

Unha clase de  hipopresivos transmite paz, serenidade, acougo… Están as alumnas e a profesora, unhas cintas elásticas, unha bóla de goma e pouco máis. Son movementos mínimos, respiracións, apneas… Moito traballo en estático que, con todo, achega grandes beneficios para os seus practicantes a nivel de capacidade pulmonar, ton muscular do chan pélvico, postural…

 

Pero non te deixes enganar pola aparente simplicidade dos seus movementos, porque os seus practicantes esfórzanse e moito. “Pode parecer que non fas nada, pero é un esforzo enorme”, explica Carmen Nogueira, que leva xa máis de tres anos acudindo ás clases de hipopresivos en  Máis que Auga Barreiro. “É máis complicado que outras actividades, porque aquí alcanzar a execución correcta é máis difícil. É unha cuestión de concentración, respiración, apneas… Pero xúroche que cansa unha chea”, indicou.

 

O que teñen claro as alumnas é o resultado. Así nolo conta Pili Calviño, outra das alumnas que inician agora a súa cuarta tempada consecutiva asistindo a hipopresivos: “Tiña problemas co chan pélvico, agora superados, e estou encantada. Ademais, gañei moitísimo en capacidade respiratoria e nótoo perfectamente cando vou a outras clases, xa que a nivel respiratorio non me canso nada”, cóntanos mentres recolle as súas cousas, porque xa se vai a unha clase de spinning.

 

Ángela Martínez é a que leva máis tempo facendo hipopresivos. “Cústame moito, pero vexo que me senta moi ben, atópome moito mellor. Cando empecei tiña problemas de incontinencia e supereinos”, contounos Ángela, que ten uns 71 anos marabillosos, que non se lle botan de ningún xeito. Ela di que é xenética, unido a que é moi activa: “Son unha persoa moi inquieta e a verdade é que non paro. Teño 4 netos, unha leira que coido…”. Aprendeu a nadar con 56 anos, apuntouse en Máis que Auga Barreiro fai uns oito anos e xa vai pola súa quinta tempada facendo hipopresivos: “Empecei con pilates, pero a miña filla animoume a facer hipopresivos e agora veño dúas veces á semana a hipopresivos e unha a pilates”.

 

E fronte á veterana, está a principiante. María Ortiz cumpría o martes a súa segunda clase. “Apunteime para recuperarme do embarazo, xa que dei a luz fai tres meses. Recomendáronmo e aquí estou”. Acaba de empezar e “é un pouco difícil ata que pillas a técnica, pero niso estamos”, explicou cun sorriso.

 

A monitora Aline Bosch lémbranos os beneficios desta técnica: “mellora o ton muscular do chan  pélvico, aumenta a capacidade pulmonar, diminúe os centímetros da cintura, prevén lesións, aumenta o rendemento deportivo, entre outras” e insiste en que vai dirixido tanto a homes como a mulleres, aínda que principalmente acoden mulleres a estas clases.

 

Que son os  hipopresivos? Consiste na realización de posturas e movementos, combinados con traballos de respiración e apneas, que buscan diminuír a presión na cavidade torácica, abdominal e  pélvica. É fundamental estar supervisado por un profesional, para que os exercicios se realicen correctamente.

 

Nas tres instalacións de Máis que Auga temos clases de hipopresivos, sempre dirixidas por técnicos cualificados. Se necesitas máis información, non dubides en acudir aos nosos centros, nos que estaremos encantados de responder as túas preguntas.