Chano Rodríguez acada a mínima para o Mundial

03/06/2019

Estaba a ser unha tarefa complicada, pero chegou cando menos a esperaba. Despois de meses de dura preparación e unhas semanas adestrando no CAR de Madrid, nunha piscina de 50 metros, o noso Chano logrou a mínima para o Mundial nunha competición en Ávila, á que ía para probarse pero sen marcarse máis obxectivos. E así, Chano Rodríguez logrou un tempo excepcional en 200 libres (2’55″25), que lle permitirá ir ao Mundial.

Chano só tiña en mente a Competición Internacional desta semana en Berlín, pero foi convidado a participar nun campionato en Ávila: “Decidimos que era unha boa opción e aquí viñemos, á piscina da Policía Nacional de Ávila, onde fixen unha moi boa marca e a mínima para o Mundial”. Aínda así, Chano viaxará a Berlín para competir en 200, 100 e 50 metros libres, pero xa sen a presión de acadar a mínima.

Pero Chano non foi o único deportista Máis que Auga que tivo competición esta fin de semana. O triatleta vigués Antonio Serrat participou no Europeo de Tríatlon na localidade holandesa de Weert, onde acadou a undécima posición nun día de moitísima calor e gran humidade. Serrat estivo moi ben colocado durante toda a proba, despois de facer unha excepcional natación (ía quinto) e unha gran bicicleta (entrou na escapada boa), pero na carreira a pe quedou sen folgos e perdeu bastantes posicións, ata finalizar na undécima posición cun tempo de 1:36:45.

Ademais, o piragüista Roi Rodríguez competía na Copa do Mundo de Duisburgo (Alemaña), pero non tivo un bo día e quedou ás portas da final na distancia olímpica de K-1 1.000 metros. Roi, que xa non tivera as mellores sensacións nas últimas semanas, rematou na cuarta posición na final B (13º) e así perdeu a oportunidade de acadar a clasificación para o Campionato do Mundo. A pesar de non estar satisfeito, Roi xa pensa na seguinte opción: Dentro de menos dun mes, nos Xogos Europeos.

E rematamos coa participación dos nosos deportistas o domingo 2 de xuño co equipo de tríatlon I have a dream – Máis que Auga, que competiu no Galego de distancia Olímpica sen drafting (1,5 quilogramos de natación, 40 de ciclismo e 10 de carreira a pe) en Baiona. Boa actuación do noso equipo, que acudiu con dez integrantes, e que comeza a dar os seus primeiros pasos no tríatlon galego. Na competición feminina a mellor clasificada foi Orsolya Andrea Simón e na masculina, Alejandro Brea.