67 retos superados

12/04/2019

Reto superado. O grupo de running de Máis que Auga tiña un duro reto o domingo 7 de abril, coa disputa da Vig-Bay, pero as e os nosos deportistas cumpriron con creces os obxectivos marcados e gozaron dun día de deporte e convivencia excepcional. Iamos a Vig-Bay cun equipo de 67 deportistas para a disputa da media maratón e da maratón, e todas e todos lograron finalizar a proba.

Na media maratón participaron 35 dos nosos runners (18 homes e 17 mulleres) e deixaron aos seus adestradores abraiados coa súa actitude, compañeirismo e, ademais, rendemento, xa que todos cumpriron ou superaron os seus obxectivos.

David Iglesias acadou o mellor tempo dos Máis que Auga (1:23:33) e, sen dúbida, estaba moi satisfeito: “Todo foi moi ben, dende a preparación ata a carreira. A semana previa é moi importante e tiven magníficas sensacións e despois, na proba, todo saíu como desexaba ou incluso mellor”. Así, o seu obxectivo era estar en 1:25 e logrou melloralo bastante.

David ten claro que “o que me leva a adestrar é o grupo que temos, sen dúbida algunha. Sen este equipo, non compito. Temos un ambiente magnífico e gozas preparándote para estes retos”. E trala Vig-Bay xa comeza a pensar na próxima carreira que, posiblemente sexa a nocturna, que ademais é no meu barrio”.

E se David logrou o mellor tempo masculino, Noemí Gómez foi a mellor das chicas Máis que Auga (1:35:27). Noemí, na súa segunda media maratón oficial, logrou un moi bo tempo e ademais “encontreime súper cómoda e facendo un tempo estupendo”. Noemí ten claro os motivos polos que adestra: “En primeiro lugar, por saúde, é unha forma de obrigarme a facer actividade física. Ademais, gústame afrontar retos, son competitiva e, en terceiro lugar, por todo o que se xera en torno ao running: o equipo, a cordialidade que temos entre nós…”

Este ano, a Vig-Bay decidiu celebrar o seu vinte aniversario ofrecendo tamén a posibilidade de correr unha maratón: Unha experiencia espectacular, tal e como explicou Gerardo Guerrero,  que foi o máis rápido dos nosos runners cun tempo de 2:57:00. “Era a primeira maratón que disputaba e a verdade é que todo saíu perfecto. Eu veño do tríatlon e o certo é que me gustan os retos esixentes, polo que me lancei a pola maratón”. Gerardo destacou o bo ambiente dentro do grupo Máis que Auga, onde xa leva 6 ou 7 anos. “Temos moi bo ambiente e ao final un tira de outro. Sentes que é unha obriga e que non podes fallar aos entrenos”. Na Vig-Bay “rematamos tomando xuntos unha cervexa”.

Lucía Pombo Chapela tamén se estreou nesta longa distancia (42,2 quilómetros), di ela que “un pouco por loucura. O pasado ano fixen a media maratón, así que este ano a polo seguinte reto. Me gustan os retos!”. A experiencia foi “fantástica”, tanto que “xa estou pensando en comezar a preparar o próximo obxectivo”. Lucía non é das veteranas no grupo de runners, pero sen dúbida é das convencidas: “Comecei hai ano e medio, máis ou menos. Foi culpa de Javi, o monitor de piscina da miña filla e me liou… E despois atopeime co grupo, que no aspecto humano é incrible. Hai xente de todo tipo, pero xente de verdade, da que a min me gusta, moi humana”.

O domingo Lucía ía marcándose pequenos obxectivos durante a carreira e foi superándoos ata chegar a meta: “O balance é tremendamente positivo. Ía coma miña compañeira de entreno, Cris, e xuntas nos axudábamos”. Ademais, o apoio do público foi fundamental. “Na maratón eramos moi poucas mulleres, 82 entre máis de 1.000 homes, polo que a xente axudaba moito animando e a min me daba un chute de enerxía”, expresou Lucía, que rematou a proba cun tempo de 4:17:24.  Na maratón, Máis que Auga contaba cun equipo de 32 persoas (27 homes e 5 mulleres).