299 nenos xa desfrutan do campus de verán

14/07/2016

Desde que o noso campus de verán abriu as súas portas o pasado 27 de xuño inscribíronse un total de 299 nenos, cifra que xa supera o resultado final acadado no ano anterior. Entre as actividades predilectas dos pequenos encóntranse por exemplo: tiro con arco, os deportes colectivos e, maioritariamente, o paddle surf.

Por primeira vez, Máis que Auga inclúe a modalidade do paddle surf xa que gracias as dimensións da táboa, máis grande que a de surf, e ó seu formato, menos bicuda, os cativos posúen máis estabilidade o que lles permite poñerse de pé con facilidade e avanzar mediante unha pa.

Ademais apostamos por recuperar xogos populares como por exemplo as chapas, o trompo e a petanca para que no futuro sexan eles quen llos transmitan aos seus fillos como fixeron os nosos pais. Este ano lembramos que a temática do noso campus de verán está dedicada ós Xogos Olímpicos de Río 2016, polo que cada grupo desfrutará do deporte sendo abandeirado dun país.

O 15 de xullo hai unha cita especial. Achegaremos aos pequenos ata as pistas de Atletismo de Balaídos para que poidan ver de cerca aos deportistas practicando salto de lonxitude, pértega ou lanzamento de disco… os deportes típicos dos Xogos Olímpicos. Logo os cativos poderán poñerse na pel dos atletas a través dunha xincana que comenza ás 10.00 horas e remata ás 13.00 horas. Poden participar todos os nenos salvo os de 3 a 5 anos que quedarán nas instalacións de Navia divertíndose con outras actividades.

Para nenos de 2 a 14 anos

Cabe recordar que os destinatarios son nenos cuxa idade está comprendida entre os 2 e os 14 anos no centro de Máis que Auga de Navia e entre os 4 e os 14 no de Barreiro. O horario, sen interrupcións, será de 9.30 a 13.30 horas de luns a venres.

Aínda quedan prazas libres polo que lembramos tamén que a contratación se pode facer semanal, quincenal ou mensual. Existe a posibilidade de contratar a entrada de madrugadoiro de 8.30 a 9.30 horas e ampliala ata o mediodía, de 13.30 a 14.30 horas, con ou sen incluír a comida.

Os prezos van desde os 45 euros ós 312 euros, dependendo da opción que elixan. Hai que recordar ademais que existen descontos por socios ou por irmáns. Nos nosos centros atoparás as follas para poder inscribir ós cativos que este verán queren algo máis que unhas simples vacacións.

A máis completa oferta de ocio infantil