17 DE DECEMBRO, DÍA SOLIDARIO MÁIS QUE AUGA A FAVOR DA ASOCIACIÓN GALEGA TECENDO SONHOS, AGALTES

14/12/2021

Chega o Nadal, o que significa festa, familia, luces, ceas, agasallos e… tamén solidariedade! Por iso en  Máis que  Auga sempre organizamos un día solidario a favor dalgunha das numerosas ONGs ou asociacións de Vigo ou arredores que traballan a favor dos máis desfavorecidos.

 

Desta forma, este ano o noso Día Solidario celebrarase o 17 de decembro e será en colaboración coa Asociación  Galega Tecendo Sonhos (AGALTES), unha organización afincada no Val Miñor e que traballa con menores con enfermidades raras e discapacidade, co obxectivo de cubrir algunhas das súas necesidades. Nestes momentos o que máis necesitan é comida e xoguetes, porque ademais colaboran con outras asociacións con fins similares.

 

Por iso, a nosa acción solidaria vai dirixida a conseguir xoguetes e alimentos neste día. Para iso solicitamos a colaboración da familia Máis que Auga, que unha vez máis demostrará a súa solidariedade. De que forma podedes colaborar? Gustaríanos que cada unha das persoas que vaian participar ao longo do día nas nosas clases entreguen en “pago solidario” un quilo de comida non perecedoira ou ben un xoguete. Cando cheguedes a calquera dos centros Máis que  Auga teredes dous grandes contedores (un para alimentos e outro para xoguetes) nos que poderedes depositar a vosa achega.

 

Ademais das clases habituais, teremos extras con motivo do Día Solidario. O mesmo venres 17 realizarase unha dobre sesión especial de  Bike (20:00 e 21:00 horas), en Máis que Auga de  Coia. Antes, o mércores 15 (18:30 horas), faremos unha clase especial de marcha nórdica, na que faremos un percorrido polo centro para gozar das luces de Nadal de Vigo e, iso si, nesta ocasión ademais dos nosos bastóns de marcha nórdica, queremos animarvos a ataviarvos con gorros de Papá Noel, para ir acordes coa contorna.

 

Estamos seguros de que a familia  Máis que Auga volverá demostrar a súa solidariedade, unha vez máis, para estar á beira daquelas persoas que máis o necesitan e que se senten aínda máis desprotexidos nestas festas. Grazas a todos e todas pola vosa colaboración con AGALTES! 1 quilo, 1 xoguete, 1 corazón!