Unha fila cero solidaria de 500 kilómetros en Máis que Auga

Desde a pasada semana, cando se puxo en marcha a fila cero solidaria para o FestiMáis, os usuarios e usuarias de Máis que Auga lograron sumar 500 kilómetros facendo largos na piscina ou en diversas máquinas da sala fitness (remo, cintas ou bikes), ao tempo que facían a súa doazón para o festival solidario. Un factor máis de implicación que nos centros de Barreiro, Coia ou Navia serviu tamén de estímulo para dar a coñecer a iniciativa do FestiMáis.

Esta festa de verán convocada en favor da asociación de pacientes oncolóxicos infantís Bicos de Papel serve de demostración do papel do deporte como motor social, capaz de canalizar enerxías positivas e dar impulso a iniciativas de carácter solidario.

En palabras de usuarios como Guillermo “participo porque colaboro normalmente apoiando as causas que son xustas, e agora podo conseguilo facendo o que me gusta”.

Lucía, sorprendida pola iniciativa do FestiMáis porque é a primeira vez que visitaba Máis que Auga, di que “visto o visto, paréceme unha gran idea”.

Dúas rapazas novas, Sandra e Natalia, xa deixaran a súa pegada solidaria nas bicis da sala fitness “porque hai que camiñar da man; o deporte move á xente e se ademais serve de axuda moito mellor”. As dúas están inscritas na masterclass de bike e tamén nos WodfitGames.

Agustín, Justi e Bautista, tres maiores que conversan xunto as escaleiras no centro de Navia, apostan pola fila cero, porque non van estar en Vigo para o FestiMáis.

María Dolores, en cambio promete asistir e quere ser “a primeira no zumba, faga frío ou calor e irei coa miña neta, Naiara”. Como ela di, “pode ser un gasto pero pensas que ter un familiar con cancro lle pode pasar a calquera e iso si que é duro”.