O torneo de pádel pecha a edición 2016 con éxito de público

11/07/2016

O IV Campionato de Pádel Concello de Vigo rematou o domingo nas nosas instalacións en Barreiro e Navia. Foron dez intensos días de pádel en Máis que Auga, colaborador principal do evento, que culminaron cun cheo total o domingo nas pistas de Navia, onde se disputaron a partir das 18.00 horas as finais das principais categorías masculina, feminina e mixta; as finais de alevíns e infantís disputáranse en Barreiro pola mañá.

Foron todos eles partidos moi disputados, cun gran despregue de xogadas de calidade e con golpes moi espectaculares por momentos, que mantiveron en vilo ao público que enchía o espazo dispoñible na zona de pistas.

Os 12 partidos das finais principais e as outras tantas de consolación celebráronse entre as 18.00 e as 21.00 da tarde, rematando a xornada cunha multitudinaria entrega de premios no exterior do centro Máis que Auga en Navia.

facebook_MG_8315

Héctor Guisande e Ignacio Vilariño, gañadores por segundo ano consecutivo do Campionato de pádel Concello de Vigo.

 

O campionato é xa o principal torneo de pádel na provincia e concorreron as mellores pas deste deporte con 227 parellas inscritas e un total de 454 xogadores. Os encontros distribuíronse entre o día 1 e o día 10 nas 16 pistas de pádel das instalacións de Máis que Auga.