O pádel bate récords en Máis que Auga co VI Trofeo Concello de Vigo-Celtamotor

Coa inscrición de 264 parellas de xogadores no VI Trofeo Concello de Vigo – Celtamotor de pádel Máis que Auga volve bater récords de participantes nun torneo de pádel en Vigo e tamén na provincia de Pontevedra. A pasada edición da competición concentrara en 2017 a 220 parellas.

O torneo comeza o sábado 30 de xuño nas instalacións de Barreiro e Navia e remata o día 8 de xullo. Na sexta edición danse cita os mellores xogadores e xogadoras federados da clasificación autonómica, xa que é un torneo puntuable. As irmáns Sabela e Carla Barciela ou Patricia Vilas, no cadro feminino, así como Héctor Guisande, Yago Gonzalez ou Ramón González-Babé son algúns dos nomes destacados.

Tamén conta con categoría de menores para benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís.

O pádel é unha actividade deportiva que Máis que Auga mantén en marcha nos centros de Barreiro e Navia a través da súa Academia de pádel, que conta cunha media de 750 a 800 usuarios de todas as idades e todos os niveis. Ás pistas dos centros Máis que Auga acoden día a día xogadores e xogadoras de todas as zonas de Vigo, que se reúnen para a práctica deste deporte por parellas.