O método Les Mills, en Máis que Auga en setembro

Entre as novidades que Máis que Auga preparamos para os nosos clientes destaca a incorporación do sistema de adestramento de Les Mills en setembro. Os clientes de Máis que Auga poderán gozar de toda a experiencia acumulada por unha marca de gran prestixio deportivo e que será adaptada aos nosos centros.

O sistema de adestramento baseado en coreografías musicais axeitadas ás secuencias de movemento é famoso por converter as sesións de exercicios físicos nunha práctica divertida, espectacular e eficaz ao mesmo tempo. A integración de exercicios e coreografía tenta reforzar a eficacia do adestramento, ao tempo que mergulla aos usuarios nunha atmosfera apropiada para gozar co esforzo.

Cada un dos programas de exercicio deste sistema proponse desenvolver de forma rápida, segura e organizada os obxectivos físicos previstos. Detrás de cada programa adaptado desde hai anos en ximnasios de todo o mundo traballa un equipo de técnicos en medicina deportiva, fisioterapeutas e expertos adestradores que garanten a súa viabilidade. E tamén por iso, para conseguir ese resultado, os técnicos de Máis que Auga asistiron previamente a sesións de formación específicas impartidas por persoal da marca Les Mills.

A posta en marcha das novidosas sesións nos centros Máis que Auga está prevista para o mes de setembro e empezarán por incorporar adestramentos nalgunhas das disciplinas máis demandadas na sala fitness. Ao longo deste mes vos iremos ofrecendo máis detalles de interese sobre este innovador sistema que agora aplica nos seus centros Máis que Auga.