Mellora a forma física na piscina con Máis que Auga

14/10/2018

Ademais das actividades de natación que realizan a diario centos de usuarios e usuarias nas piscinas Máis que Auga, os nosos centros ofrecen unha gama de actividades específicas para tirar o mellor partido do medio acuático para mellorar a forma física.

Porque os beneficios do exercicio físico nas piscinas dos centros Máis que Auga poden ampliarse cando a actividade se enriquece con outros factores e elementos complementarios.

Este ano Máis que Auga amplía a programación dos centros de Barreiro, Coia e Navia, coa oferta nos tres centros de AquaStrong e AquaTraining. É unha gama de actividades máis intensas ca natación Máster ou MQ Travesías. Xunto ao nado libre, as actividades de aprendizaxe para escolares e as actividades especificamente funcionais e de mellora da saúde, este conxunto de actividades forman a oferta completa para auga dos nosos centros.

Mellora da condición física

  • AquaStrong é unha actividade dirixida de pago que os usuarios de Barreiro, Coia e Navia poden contratar durante o mes de outubro cunha rebaixa do 50% na tarifa.
    O esencial nesta actividade é o uso do acompañamento musical coreografiado para marcar o ritmo nuns exercicios que ademais se realizan coa axuda de complementos (flotadores con forma de pesas) que producen certa resistencia que hai que vencer.
    Os movementos pautados polo técnico favorecen un exercicio que desenvolve grupos musculares concretos, tanto na parte superior (tronco, brazos) como na inferior (cintura, glúteos, pernas) do corpo.
  • AquaTraining é un modelo de traballo que usa nunha mesma sesión o vaso da piscina para facer series de desprazamentos acuáticos xunto a unha zona seca, xunto á piscina para realizar exercicios tonificantes con pesas e outros elementos. Un circuíto de forza, resistencia e traballo aeróbico agora dispoñible nos tres centros.
  • Nas clases de MQ Máster o obxectivo é desenvolver as habilidades en natación de usuarios ou usuarias que dominan xa os estilos clásicos de crol e costas. Coa axuda dos nosos técnicos podes progresar e mellorar en braza ou mariposa e desenvolver por completo as túas capacidades na natación.
  • Travesías está concibida como unha actividade específica para aqueles que queren desenvolverse con comodidade no mar. Unha sesión semanal rotando de centro en centro durante a tempada de piscina (desde outubro a maio) é o complemento que precisas para aprender ou mellorar a técnica específica de respiración e movemento necesario para nadar ou competir en augas abertas. Non esquezas que tes que inscribirte no noso grupo de Travesías para poder participar desta actividade nas piscinas de Máis que Auga.