Martín Romero: “o ‘trail’ é unha aventura para todas as estacións”

Se che gusta o deporte e tamén a montaña, se che gusta correr pero botas en falta a aventura, segundo Mónica García e Martín Romero, estás destinado ao trail. “Cada trail -como explica Martín- é unha aventura onde non hai estacións mellores: pódete tocar neve, chuvia, lama e auga ata o peito cando tes que cruzar un río”.

A parella, á que ultimamente súmanse tamén Sabela (11 anos) e Erea (8 anos) leva anos facendo deporte e para ambos o trail é un reto onde buscas “máis metas, máis motivación”. A meta nesta ocasión xa está posta: Martín estará nun dos trails máis importantes do mundo, o Zegama-Aizkorri no País Vasco, onde foi seleccionado por sorteo entre os 200 dorsais para as…. 8.000 persoas inscritas.

A maior parte dos runners vigueses están afeitos ás carreiras habituais en asfalto, ás do circuíto RunRunVigo, con citas ineludibles como a vindeira nocturna Correndo por Vigo, o día 9 de xuño. “Pero son carreiras onde o ritmo é continuo. No trail atopas costas ou baixadas onde é imposible correr e tes que andar, case trepar. Ademais é como un espazo de encontro, en moitos momentos podes ir falando cos demais”, explica Martín. Mónica sumouse a este equipo de dous, primeiro como animadora e logo, tras ir coñecendo á xente dese mundo, participando.

O territorio natural é un compoñente fundamental nestas probas que moitas veces son case andainas. “Eu descubrín moitas paisaxes en Galicia, acompañando a Martín cando ía correr. Foi así como me metín nisto e agora o importante é seleccionar as carreiras ás que te vas presentar, porque non das feito”, di Mónica.

Porque en efecto, a medio camiño entre o deporte e o turismo de natureza os trails multiplicáronse nos últimos anos en Galicia e hai auténticos circuítos que son como un paseo deportivo pola xeografía máis auténtica e descoñecida, que moitas veces podes facer en familia: cada vez hai máis carreiras onde se organizan actividades para rapaces e rapazas, ou ben circuítos específicos para eles.

Mónica e Martín durante o ultratrail de Cerveira (Portugal). Agradecemos a Marco Barbosa polas fotos de trail que figuran neste post. Sabela (11 anos) e Erea (8 anos) parecen seguir os pasos dos seus pais.