Máis que Auga ingresa na Fundación España Activa de promoción do deporte

Máis que Auga acaba de formalizar o seu ingreso na Fundación España Activa que promove a nivel nacional a defensa dos práctica social do deporte e a implicación de todos os axentes sociais e empresas na difusión dos valores deportivos.

Na base institucional da fundación están o Comité Olímpico Español, o Consello Superior de Deportes, así como universidades e centros de formación. Na plataforma da que agora forma parte Máis que Auga figuran como colaboradores empresariais os grandes grupos multinacionais que xestionan instalacións deportivas no país, así como importantes empresas de equipamentos deportivos.

Con esta decisión, Máis que Auga asume como propios os obxectivos xerais da Fundación España Activa na defensa dos valores do deporte e aposta por incrementar a práctica deportiva na sociedade por riba da media europea no horizonte 2020. Como explica o director de operacións de Máis que Auga, Francisco Cortegoso: “Desde Máis que Auga queremos liderar un proxecto para que os vigueses sexan cada vez máis: máis activos, máis saudables e máis felices grazas a práctica regular de actividade física, promovendo desde as nosas instalacións un estilo de vida saudable e maior calidade de vida entre a poboación”.

Entre os servizos que presta a fundación, está a de servir de observatorio para analizar a práctica deportiva en España. En 2017 publicou o seu Termómetro del sedentarismo en España, informe que marca un punto de inflexión sobre a necesidade de aportar e identificar recursos, enerxía e as políticas necesarias para reverter a corrente de inactividade física e o sedentarismo no noso país.

Máis que Auga que xestiona en Vigo as instalacións deportivas de Barreiro, Coia e Navia, ofrece os seus servizos a uns 30.000 vigueses entre socios e cursillistas, o que a converte no principal axente de servizos deportivos na cidade. Neste momento concursa para a adxudicación da xestión das instalacións municipais de Campolongo en Pontevedra.