Máis que Auga apúntase á marcha nórdica

21/10/2018

Máis que Auga prepara a oferta dunha nova actividade, a Marcha nórdica, tras a primeira experiencia o pasado día 11 en Navia coa realización dunha masterclass de presentación a cargo da acreditada adestradora Cristina González Castro.

A masterclass realizada en Navia serviu para iniciar aos asistentes, máis de 50 persoas nas sesións de mañán e tarde, nos aspectos básicos da actividade. A marcha nórdica está destinada sobre todo a persoas que non practican running, trail e outras disciplinas ao aire libre por ser demasiado esixentes, máis isto non implica que este deporte non conte tamén coas súas competicións.

A marcha nórdica é unha práctica aínda pouco implantada en Galicia, pero que ten unhas características que a converten nunha actividade física moi saudable.

Consiste nun exercicio sinxelo de marcha, realizado co apoio de bastóns, pero como indica Cristina González, adestradora da Federación Internacional de Nordic Walking, “a formación técnica é necesaria para extraer todo o potencial deste tipo de exercicio sen risco de lesións ou desequilibrios musculares”. O exercicio mellora notablemente a capacidade funcional dos seus practicantes e é unha actividade preventiva de moitas molestias posturais habituais.

O propósito de Máis que Auga é avanzar na divulgación e a práctica deste deporte, co obxectivo de convocar a primeira competición en Vigo de Marcha Nórdica. Previamente preparamos a celebración en decembro, nas instalacións de Máis que Auga, dun curso de formación oficial de instrutores de Marcha Nórdica (Nordic Walking), convocado coa colaboración da International Nordic Walking Federation (INWA).