Máis que Auga apoia o deporte sen barreiras

26/02/2018

Máis que Auga exhibiu o pasado sábado 24 no centro de Navia o potencial da actividade deportiva para transmitir valores sociais. A proba do tríatlon indoor individual e por equipos reuniu a uns trinta participantes e estaba organizada para facer visible o apoio á Fundación Isidre Esteve que traballa en toda España polo deporte inclusivo para todas as persoas, rachando as barreiras da discapacidade física.

O deportista catalán, famoso pola súa participación nas probas do rally Dakar onde sufriu un accidente que lle causou unha lesión medular, pilota agora unha loita polo recoñecemento da capacidade do deporte para integrar a persoas con algunha discapacidade física. A experiencia realizada co apoio de Máis que Auga foi compartida con centros de Ferrol, Pontevedra e o centro ponte de Coruxo.

Competindo en series individuais ou por equipos, os participantes na experiencia combinaron o uso dos tres aparellos que forman a especialidade deportiva do tríatlon indoor: o skier (aparello que simula o esquí de fondo), a wattbike (bicicleta estática) e o remoergómetro. O seu esforzo, en vatios acumulados o metros recorridos, foi o símbolo dun compromiso social.

Máis que Auga desenvolve unha función social e de integración ao través do deporte, ofrece aos usuarios con algún tipo de discapacidade abonos especiais e ten instalacións adaptadas a persoas con problemas de mobilidade.

Ademais mantén unha política de apoio a deportistas paralímpicos como Chano Rodríguez ou ao equipo de baloncesto en cadeira de rodas do Amfiv.