As irmás Barciela e Héctor Guisande volven gañar o maior torneo de pádel de Vigo

09/07/2018

O máis importante torneo de pádel de Vigo e tamén da provincia rematou este domingo nas instalacións de Máis que Auga en Navia onde tiveron lugar os partidos decisivos das primeiras categorías feminina e masculina.

As irmáns Carla e Sabela Barciela volveron impoñer a súa superioridade na final feminina categoría 1 do VI Trofeo Concello de Vigo de pádel, ao vencer a Marta González Niño e Patricia Vilas Ibáñez por 0-6 e 1-6 no partido disputado o sábado.

Na final masculina categoría 1 Héctor Guisande conseguiu o seu cuarto título neste torneo, onde xa vencera no 2017, 2016 e 2015. Nesta ocasión Guisande e Yago González Niño, impuxéronse a Jorge López Campos e Ángel Castañeda por 3-6 e 1-6 .

Na posterior entrega de premios, que tivo lugar as 13.00 horas, concentráronse os vencedores das 12 categorías deste trofeo: catro femininas, catro masculinas e catro mixtas.

No acto de entrega participaron representantes da Federación Galega de Pádel, xunto aos responsables de Máis que Auga, o patrocinador principal, Celtamotor BMW, e o resto de colaboradores do torneo.

O pádel é unha actividade deportiva que Máis que Auga mantén en marcha nos centros de Barreiro e Navia a través da súa Academia de pádel, que conta cunha media de 750 a 800 usuarios de todas as idades e todos os niveis. Ás pistas dos centros Máis que Auga acoden día a día xogadores e xogadoras de todas as zonas de Vigo, que se reúnen para a práctica deste deporte por parellas.