A familia Máis que Auga de Navia cumpre 3 anos

O centro Máis que Auga de Navia cumpre 3 anos de vida e consolida unha comunidade deportiva en plena actividade, nas súas distintas áreas: piscina, sala ou pádel.

O centro nacía cos bos augurios de ser galardonado co Premio Aproin 2015, concedido pola asociación de promotores de Pontevedra, por ser a mellor edificación non residencial construída na provincia.

Na súa apertura en setembro de 2015 o centro de Navia contaba con 4.472 socios que se incrementaron case nun 32% ata conseguir os 6.553 socios actuais. Hoxe, cada semana a sala fitness, a piscina e as pistas de pádel suman máis de 400 sesións de actividades dirixidas a cargo dos nosos técnicos e técnicas.

Tamén as instalacións iniciais tiveron cambios para ofrecer un servizo máis cómodo aos novos usuarios. Por exemplo, a sala actual de Indoor Walking, completada con cintas e elípticas, era unha sala de ciclo indoor. Tras ese cambio, a sala de fitness en Navia é un espazo moito máis amplo e diversificado para as súas distintas actividades.

Na primeira planta, un espazo semicuberto que se utilizaba como campo de herba artificial pasou a ser o box actual de Wodfit. E tamén o centro de ocio infantil cedeu parte do espazo para actividades que agora teñen lugar na mesma primeira planta.

Na planta superior do centro é onde están as salas máis grandes, destinadas entre outras a actividade máis concorrida do centro: o zumba, con permiso do BodyCombat e BodyPump, as últimas actividades incorporadas, que aspiran a coller o relevo.

Como dato anecdótico, durante estes tres anos, os técnicos ou técnicas que traballan en Navia foron pais en seis ocasións: e hai empate! Porque tres técnicas deron a luz (Carol, Conchi e Marta) e tres foron pais (Aitor, Javi e Marcos). Son seis aniversarios que se suman á nosa historia.

A vida dos pequenos acompaña a historia do centro. Moitos empezaron de bebés nas piscinas de Máis que Auga e o 75% deles segue aí, como miñocas ou tartarugas uns anos despois. Algúns mesmo celebran en Navia os seus aniversarios. Son case 500 aniversarios celebrados nestes anos na Xogoteca de Máis que Peques.

As actividades deportivas de Navia saen as veces do centro para atopar no exterior unha ocasión para a diversión familiar, como nas festas lúdicas do Vicus Spacorum, as actividades solidarias como o Festimáis, ou nas masterclass de zumba multitudinarias. Se cumplen así as expectativas anunciadas no galardón de Aproin, que destacaba os valores dunha instalación que nacía con intención de integrarse na vida do barrio.

Agardamos que esta comunidade deportiva, os seus técnicos e os veciños de Navia continúen facendo historia xuntos por moitos anos.