Adestra para tempada de carreiras con Máis que Auga

15/03/2018

Hai un par de anos a cidade de Vigo apostou polas carreiras populares e púxolle nome a un circuíto de probas para todo o ano: o Runrun Vigo. En Máis que Auga apostamos por facilitar a vigueses e viguesas un adestramento nas mellores condicións para afrontar estes retos deportivos e lúdicos con garantías e sen riscos innecesarios.

Desde hai tempo o noso equipo viste de amarelo as carreiras populares, nas que participan unhas vinte e cinco persoas. Que paixón hai detrás desa marea amarela? Pois un desexo de manterse en forma, facer amigos e pasalo ben mentres te coidas. Unha paixón polo deporte e o benestar no que Máis que Auga colabora ofrecendo aos usuarios unha secuencia organizada de adestramentos dirixida por técnicos profesionais, pensada para superar as probas do circuíto Runrun Vigo nas mellores condicións.

A Vig Bay, unha media maratón de 21 km. entre Vigo e Baiona, será o primeiro reto deste ano (tras unha subida ao Castro celebrada en xaneiro). Pero quedan moitos desafíos que cumprir: Happy go running en abril, a Carreira da cereixa en maio, a Nocturna correndo por Vigo en xuño, e así ata a San Silvestre que pecha o ano.

Se aínda non te decidiches a participar na que será a 19 edición da Vig Bay, esta pode ser a túa ocasión: un adestramento en grupo tres días a semana é todo o que precisas para poñerte ao día. Lembra que para participares nestas actividades de exterior é obrigatorio dispoñer dun seguro que ten un custe de 11,50€.