A comunidade que estimula a Máis que Auga

27/09/2018

Os resultados da última enquisa de satisfacción aos usuarios e usuarias de Barreiro, Coia e Navia realizada este ano reforza a vosa confianza en Máis que Auga e estimula o noso traballo diario.

Máis dun terzo dos participantes non dubidaría en recomendar os nosos servizos a amigos e familiares e o 74,4% dos participantes teñen un alto nivel de satisfacción con Máis que Auga, de entre 7 e 10 puntos sobre 10.

Na enquisa realizada a través dun cuestionario online participaron 1.300 usuarios. A consulta ofrece unha foto ilustrativa do conxunto dos socios e socias de Máis que Auga, que representa a unha parte importante da poboación viguesa: un 12% se temos en conta a todos, socios e cursillistas, que acudides aos nosos centros.

As mulleres participaron máis activamente na enquisa: un 55% fronte aos homes que representan un 44,8% das respostas.

O perfil dos participantes na enquisa tamén indica que a práctica do deporte ou das actividades saudables non ten idade. Aos nosos centros acode todo tipo de público. É satisfactorio saber que entre os máis novos (de 18 a 35 anos) son unha cuarta parte do total. Tamén comprobar que os maiores seguen preferindo mellorar a súa saúde no ximnasio. Pero máis indicativo pode ser que no arco de idades entre os 18 e os 45 se sitúa máis da metade dos nosos usuarios e usuarias: iso quere dicir que os hábitos saudables afiánzanse e permanecen entre a poboación, e así aparece nas nosas consultas realizadas desde hai sete anos.

Case a metade dos nosos usuarios e usuarias (un 47%) son persoas que acoden máis de tres veces á semana ao ximnasio. É o mesmo índice que representa aos que levan máis de 3 anos nos nosos centros. E algúns baten récords de fidelidade, porque temos centos de persoas que nunca deixaron de ser socios nestes 8 anos que levamos con vós.

E por que vindes ao ximnasio? A maioría sen dúbida para manter a forma física, mellorar a saúde ou perder peso. Pero tamén, para un 50% dos participantes na enquisa, para relaxarse ou divertirse. E mesmo para relacionarse ou coñecer xente, cousa que en Máis que Auga resulta moi doado, pola ampla gama de actividades e horarios dispoñibles para adestrar. Calquera que sexa o voso obxectivo, máis da metade de vos (o 54%) o consegue en Máis que Auga de acordo con esta ultima enquisa de satisfacción.

Cada un deses datos é para nós un impulso para mellorar: axúdanos a manter a nosa aposta por uns servizos deportivos apoiados en boas instalacións, baseados nunha atención profesional, cercana e implicada na mellora e no progreso dos usuarios. E cando o volume de poboación que acode aos centros Máis que Auga representa a unha parte tan importante dos cidadáns de Vigo tamén é para nós unha responsabilidade estar á altura das vosas expectativas.