Coida a túa saúde con Máis que Auga

23/09/2018

Máis que Auga contamos cunha chea de actividades que, ademais de servir para relaxarse, entreterse e facer exercicio, conectan directamente co teu benestar e saúde. Nestas clases, o obxectivo final é traballar o equilibrio corporal e mellorar así a túa calidade de vida. Queres coñecelas?

Buscando o benestar

Denominacións como Fitmom, Hipopresivos, Tai Chi ou Pilates son termos familiares para os usuarios e usuarias de Máis que Auga. Nestas actividades, os exercicios non perseguen o desenvolvemento muscular ou ampliar os niveis de resistencia ao esforzo. O que usuarios e usuarias buscan é conseguir unha maior flexibilidade ou o reforzo de certos grupos musculares con exercicios suaves, encadeados e onde o control respiratorio é fundamental.

Fitmom e Fitrmom postparto, dispoñibles en Barreiro, Coia e Navia, son actividades pensadas para nais nas etapas pre ou post embarazo con exercicios de relaxación, musculares, traballo de mobilidade articular da pelvis e respiración. A Fitmom postparto acoden as nais cos seus bebés, que inician así a súa primeira actividade no ximnasio.

O pilates é unha fórmula de adestramento que ten xa unha longa historia. Desenvolto en distintos niveis (Pre-Pilates, Pilates I ou II) é un método que usa a concentración e a reflexión sobre o propio movemento corporal para conseguir un mellor control postural e a relaxación que moitos usuarios e usuarias precisan. Podes asistir á actividade de Pilates nas tres instalacións de Máis que Auga.

No Pilates Reformer, dispoñible só en Navia, utilízase unha máquina deseñada por Joseph Hubertus Pilates, o inventor do método Pilates, para realizar exercicios que traballan grupos musculares específicos.

Os exercicios Hipopresivos están centrados no control postural, o ton abdominal en repouso e a activación do chan pélvico. Son fundamentalmente exercicios respiratorios e posturais válidos para todos os públicos, que so esixen certa capacidade de concentración.

Entre as disciplinas da tradición oriental, o Ioga e o Tai Chi seguen sendo modelos para exercitar á vez o corpo e a mente, aplicando secuencias de movementos tipificadas, exercicios respiratorios e posturais.

O MQ Balance, só dispoñible no centro de Barreiro, combina exercicios do Ioga, o Tai Chi e o Pilates con estiramentos.

Como aspectos complementarios destas actividades en Máis que Auga podes atopar tamén sesións de MQ Mantemento (en Coia) ou MQ Mantemento Senior (Barreiro e Navia) e tamén exercicios de MQ Estiramentos (en Barreiro) ou sesións rápidas de MQ Estiramentos Express (en Coia e Navia).

Máis que Auga ofrece tamén aos seus usuarios e usuarias o servizo de control de peso para xestionar mellor a evolución ao longo do adestramento. E por suposto, tes tamén dispoñible un servizo de Nutrición ao que podes acudir, previa cita presencial ou online, no centro de Navia.