Cinco consellos Máis que Auga para protexer a pel do sol

Coa chegada do bo tempo, volve a preocupación pola nosa pel e en que medida sofre pola exposición ao sol. Os factores estéticos e saudables forman parte dos servizos que ofrecemos en Máis que Auga. Raquel Delgado, responsable do gabinete de Estética en Navia, aporta cinco consellos a ter en conta para esta tempada de sol.

  1. A pel ben exfoliada: un peeling con ou sen hidratación é o mellor punto de partida para unha pel ben conservada. A exfoliación é un tratamento de media hora ou dunha hora que fai que o moreno sexa máis uniforme e aguante máis, eliminando as células mortas acumuladas na pel durante a tempada de inverno. Pero é importante repetir a exfoliación despois do verán: iso non quita o moreno que é unha pigmentación, non algo que está sobre a pel.
  2. Se imos tomar o sol, convén ter claro que a exposición solar varía segundo as horas do día. Evitar o sol do mediodía é básico para protexer a pel.
  3. Aplicar unha crema protectora é imprescindible. O factor solar debe ser de 50 ou 30. Na cara desde logo a protección 50 e podemos empezar por aí e ir reducindo ata o factor 30. É importante saber que as cremas solares diminúen o seu efecto a medida que pasan as horas. De feito, o nome da protección indica durante canto tempo é eficaz: 50 ou 30 minutos.
  4. É importante aplicar a crema solar 20 minutos antes de expoñerse ao sol: hai que aplicar a crema na casa. E repoñer a crema cada vez que nos mollamos ao meternos na auga. Cada hora e media ou dúas horas volver aplicalo.
  5. Protexer a vista e os labios con cremas ou vaselinas específicas que existen mesmo con factor solar. Hoxe en día hai unha ampla gama de cremas e tratamentos de carácter orgánico: sen alcohol, nin sulfatos.

Pero o máis importante é non esquecer que cada pel é diferente: un pouco de cor sempre queda ben e a pel loce máis, pero non hai por que estar moreno ata case o negro.