Aroa Sío: “Con Máis que Auga adestro ao máximo nivel”

16/07/2018

Normal é ter un pasado de adolescente deportista, ser campioa galega de 3.000 metros aos 17 anos e ver diluírse ese pasado nunha vida normal. Normal é decidir despois dar un xiro, volver correr de novo: deixar a nicotina, recuperar a endorfina. Normal é gozar da natureza e gozar do deporte, sumar as dúas cousas e acabar facendo carreiras de trail por España e Portugal adiante.

O que xa non é tan normal é que Aroa Sío teña feito nos dous últimos anos competicións abondo e con tanto éxito como para estar agora nesa elite que, entre patrocinios, apoios e colaboración como a que lle presta Máis que Auga, pode facer deporte de alto nivel sen que lle custe un peso. “Máis que Auga facilítame un nivel de preparación esixente; cos patrocinadores cubro o equipamento, a loxística e as viaxes”.

O seu plan inmediato, a G2H, un ultra trail de 90 kilómetros e 6.000 metros de desniveis con saída e chegada en Beasain, no País Vasco: “nos últimos dous anos teño feito xa varias maratóns, pero ultimamente xa compito en ultras (carreiras de 50 kilómetros ou máis)”. Finalmente, esta carreira foi suspendida pola ameaza de fortes tormentas na zona e os atletas evacuados cando Aroa marchaba no grupo de cabeza nos primeiros 20 kilómetros.

Nestes dous anos de trail hai numerosas paisaxes do norte de España, Canarias e Portugal, incluíndo a illa de Madeira. “A illa de Madeira apámpame: cambias continuamente de paisaxe, pasas da tranquilidade da natureza a súa versión máis espectacular”.

Para este tipo de exercicio de carreiras esixentes, en terreos irregulares, con desniveis acumulados de máis de 5.000 metros, fai falla unha boa preparación. Aroa adestra cada día en Máis que Auga para completar as súas sesións de activación ou recuperación: “tres días cañeiros, e tres suaves”.

O trail non é como o atletismo convencional: preparación, competición e esforzo e volta á casa. “Aquí pasas oito horas no medio do monte, soa ou acompañada doutros participantes, e acabas creando moitas relacións humanas”. A verdadeira compensación para Aroa chega cando corre, desconecta e recupera “esa memoria que o corpo retén do teu pasado de deportista e que de novo se activa”. E cando mira arredor e so atopa paisaxe e natureza.

Iso é o trail: un deporte para todos aqueles que aman a natureza; onde as balizas que marcan o recorrido son o único elemento capaz de devolverte á realidade; un circuíto con zonas de paso obrigadas que serven de control para esta nova tribo de deportistas, capaces de perderse nun monte polo pracer de correr.